Mañá, sábado 28 de decembro, arrancará o Mercado de Nadal de Lalín, cunha vintena de postos de madeira, tipo jaima. Se ben abrirá ao público a partir das 11:00, o acto institucional de inauguración terá lugar unha hora despois, ao mediodía, tal como sinala a edil de Actividade Económica, Comercio e Emprego, Karen Fernández Lamela. Celebrarase na rúa Joaquín Loriga todos os días ata o 4 de xaneiro -agás o día 1- en horario de 11 a 14 e de 16:30 a 20:30.

Neste mercado sustentable poderase encontrar decoración natural, artesanía, prantas, regalos, téxtil, marroquinería, xoiería e librería, así como unha ampla zona infantil con obradoiros a base de materiais naturais e de reciclaxe. Tamén haberá churros, crepes, chocolates, mantecados, turróns e outros doces de Nadal. O día 3 desenvolverase un obradoiro de menú saudable de Reis, con degustación a partir das 18:00; non se precisa inscrición previa.

Por outra banda, o parque de atraccións habilitado na explanada do antigo colexio Manuel Rivero volveu abrir onte, logo de que o fixera xa o martes con 400 tiques recollidos polos feirantes. "Creo que foi un bo resultado", apunta Lamela, que indica que xa se entregaron no comercio e na hostalaría os tiques que dan acceso ás atraccións, mais aínda quedan moitos na recepción do concello, onde poden ir buscalos os que xa os remataran. Logo de adiar a súa posta en funcionamento por mor do temporal, o parque permanecerá aberto ata o 6 de xaneiro -agás o día 1- de 16 a 20:30, sen necesidade de tique durante a primeira hora da tarde.

Un concerto de Manoele de Felisa pecha os actos de hoxe. Será ás 22:00 horas na Praza Europa, con asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.