Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As Torrentillas, a esquecida mina de cobre de Basadre

A carón das frías augas do Ulla houbo un filón de calcopirita ou 'ouro dos tontos' explotado nas décadas de 1950 e 1960 por unha firma catalá

Durante boa parte do pasado século XX, a minaría tivo unha relevante importancia na actividade económica de Galicia. Coñecidos e estudados sobradamente son os traballos desenvolvidos en minas de extracción de ferro, como as de A Silvarosa (Viveiro) ou Vilaoudriz (A Pontenova), ou as de ouro de Folgoso do Courel, as de lignito nas Pontes de García Rodríguez e Meirama ou as de cobre en Touro e O Pino, sen esquecer as de volframio de San Finx (Lousame), Valborraz (Carballeda de Valdeorras) e, por suposto, Fontao, A Trigueira e Presqueiras, en Cruces, Lalín e Forcarei, respectivamente, entre outras moitas, que han quedar para sempre na historia e memoria de xentes e pobos, cargadas de recordos, bágoas, sufrimento e morte, así como unha ampla literatura,máis ou menos novelesca, sobre aqueles escuros tempos de represión e cadea na que os perdedores da guerra civil eran confinados, privados de liberdade e obrigados á redención de penas de cadea polo duro traballo das minas.

Xurdiron empresas ao cheiro dos cartos e á importancia do mineral, fundamentalmente o volframio, cun alto valor estratéxico, nos xogo do rato e o gato, entre as potencias militares de sempre. Os éxitos da incursión directa alEmana neste mundo empresarial do volframio, cun ciclo de vida moi curto e vencellado case exclusivamente aos conflitos bélicos vividos na época, circunscríbense inicialmente ao ámbito da comercialización, ampliándose posteriormente ós relacionados coa súa extracción e transformación. Temos que destacar aquí as que formaron o grupo empresarial que explotou directamente as minas de Fontao e Silleda, así como as de Lousame.

Ao rematar a guerra Civil Española o goberno franquista publica a lei de 7 de Xuño de 1938 pola que se reserva para empresas de capital español o dereito as concesións e explotacións minerais e obriga a que o 60% do capital das sociedades mineiras sexa español, así como o presidente e dous terzos dos consellos de administración das empresas. Deste xeito, empresas como San Finx Tin Mines, que explota a mina de Lousame, ou Société des Étains de Silleda, en Fontao, vense na obriga de modificar os seus estatutos ao ser sometidas a presión política e control administrativo, medidas coas que se tratou de dobregar a resistencia dos propietarios ata rematar nunha nova titularidade española.

Fontao-Silleda, que estaba baixo control do grupo familiar encabezado polo alacantino C. Cort, seguiu utilizando a denominación Minas de Estaño de Silleda xuridicamente ata finais de 1940, aínda que continuou aparecendo nas memorias da Estatística Mineira e Metalúrxica de España coa súa denominación orixinal en francés alomenos ata 1952.En tanto que a explotación de Lousame, por un decreto de marzo de 1941, pasou a mans de Industrias Gallegas, relacionada co grupo Pastor.

A capacidade actual da humanidade de modificar o seu medio natural de feito ás veces irreversible, sen respectar a natureza e o seu entorno, evolucionou de tal xeito nos últimos tempos que da pavor reparar no que estamos a facer coa escusa sempre da estabilidade e os postos de traballo, e non sempre cumprindo leis e aplicando o sentido común, tal e como temos visto sobradamente en casos que non por denunciados deixan de ser terribles e irreparables unha vez finalizada a súa explotación. A evolución cara a sostibilidade e o respecto do noso medio natural obriga, sen dúbida, á reflexión e á revisión de actuacións pasadas para sacar conclusión delas e aprender do que non temos que repetir, quizais dende que o Imperio Romano empezara a extracción de ouro, en lugares tales como As Médulas, ás portas do noso país, das que as consecuencias e transformación da paisaxe quedaron ben á vista, ata se converter nun importante recurso turístico hoxendía.

Galicia conta cun importante patrimonio mineiro, como conxunto de instalacións, poboados e labores desenvolvidas o longo dos séculos; patrimonio material e inmaterial en forma de documentos, explotacións históricas vencelladas a actividades do pasado, obxectos propios e exclusivos desta actividade que temos a obriga de coñecer e preservar para as futuras xeracións porque forma parte do seu pasado, aínda que a realidade fálanos de que o seu estado de conservación non é todo o bo que resulta necesario e moitas veces a ignorancia, a desidia e a falla de interese fan irreversible perdas inxentes deste caudal de historia viva. Caso máis que doloroso e aínda sen resolver é o da documentación do Legado Hilgen, desaparecida no Museo da Minaría de Fontao, tal e como ten denunciado reiteradamente o mestre Antonio Presas.

Na historia esquecida destas actividades mineiras da comarca atopamos perdidos na néboa dos recordos dos maiores que permanecen entre nós para contarnos o que foran aqueles traballos na coñecida como Mina das Torrentillas, na parroquia de Basadre, en Agolada. Durante arredor de quince anos, as prospeccións mineiras baixo terra, a carón das frías augas do río Ulla, íanse desenvolver, no seu interior. Os traballos de búsqueda de minerais deixarían pegadas nun par de galerías duns vinte metros cara o interior do monte por debaixo da pista que vai a Ramil, das que os restos aínda hoxe se poden ollar entre silvas, toxos, xestas e a acción do monte que, libre xa da man do home, reclama o seu e vaino recuperando.

Aquí no seu día houbo un filón do coñecido como o ouro dos tontos, a calcopirita, a mena do cobre. En principio, a mena era mispiquel e a ganga, a pirita, cunha morfoloxia química composta de blenda, galena tennantita, bournonita e estannina. A tennantita cítase, xunto coa escasa bournonita e calcopirita no filón 243 de Basadre, tal e como aparece nos estudos mineiros e análises dos expertos, ao solicitar licenza para traballos de prospección.

Como recolle o mestre Juan Carlos Mirre, no seu libro Guia dos Minerais de Galicia: "É un mineral moi común nos filóns de sulfuros diseminados polas rochas ígneas. Pode formarse e encontrarse en rochas pegmatitas e neumatolíticas, rochas hidrotermais de alta temperatura, depósitos de metamorfismo de contacto, así como constituinte primario de rochas ígneas básicas. Nos xacementos de cobre acostuma ser o principal mineral deste metal que aparece. É a principal mena de cobre. Case dous terzos do seu peso son de ferro e cobre, ambos metais de gran aplicación industrial, pero polo seu valor no mercado é extraído o cobre con alto rendemento económico. Tamén serve de decoración nas casas".

Na mina de Basadre, a uns dez quilómetros de Agolada, asociada a sulfoarseniuros e sulfoantimoniuros de cobre, arsenopirita e pirita, podemos atopar esta mena do cobre, así como outro filón de arsenopirita e blenda que aparece coa pirita, a calcopirita e a tetraedrita en ganga de cuarzo e carbonatos e distintos sulfuros, como bournonita, sulfoantimoniuro de cobre e algo de chumbo cristalizado en rombos e cobres grises de birlo metálico, descrición esta dos traballos e análises realizados o longo do tempo antes de ditaminar definitivamente o abandono dos traballos de extracción mineiros polo custoso que resultaría separar do mineral extraído a ganga da mena.

Os traballos propios da mina íanse realizar o longo de case doce anos nas décadas de 1950-1960 por unha empresa de capital catalán, que empregou a veciños da zona que se achegaban buscando traballo, sobre todo nos veráns, nos que se intensificaban estes, realizados a pico e pala e sen practicamente medios mecánicos, a non ser de cando en vez algunha voadura, para rachar coa pedra de maior dureza e resistencia. Deste xeito e antes de que fora definitivamente abandonada por non resultar rendible a extracción do mineral, a mina foise abrindo camiño no ventre da terra, ata alcanzar dúas galerías, en forma de 'Y' de case vinte, trinta metros de profundidade, hoxe tapiadas para evitar accidentes, esquecidas e descoñecidas para moitos dos máis novos veciños desta pequena parroquia de Agolada.

Compartir el artículo

stats