Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santa Bárbara en Fontao

Pouca afluencia nunha igrexa con restos románicos e moita no xantar do poboado

O taboleiro de anuncios desloce o tímpano románico. // D.G.A.

A parroquia de Fontao, en Vila de Cruces, adiantou a súa tradicional celebración da Santa Bárbara á fin de semana pasada. Non é esta a principal festa da parroquia, senón o patrón Santiago Apóstolo, e tamén a teñen na honra da Santa Lucía, na primavera, pero esta da Santa Bárbara vense celebrando dende mediados dos anos cincuenta cando se explotaban as minas de wolfran da Brea e outras das Cruces e Silleda. A Asociación de Veciñal Minas da Brea programa anualmente a súa Romaría das Minas, que vai pola XIII edición, cunha serie de actividades gastronómicas, culturais e recreativas en dúas xornadas que contan coa colaboración do Concello e da Deputación. Na do sábado houbo xantar a base de callos, concurso de tartas con varias categorías e música a cargo do DJ Sanse, con notable participación de veciños e festeiros. Non aconteceu o mesmo coa parte relixiosa, que ao igual que anos anteriores vai esmorecendo na mesma medida en que foi desaparecendo o oficio de mineiro na parroquia, que ten a esta santa coma patroa. Así, nesta ocasión, non chegou á ducia o número de fieis que concorreron á misa na afastada igrexa, que non foron dabondo para levar a cabo a procesión.

Porén, logo de asistir a misa, tivemos ocasión de botar un ollo a igrexa na compaña do cura reitor do Santuario do Corpiño, José Criado, que leva esta e outra media ducia de parroquias de Deza. A igrexa, románica no seu orixe, poida que fora construída cando estas terras pertencían ao mosteiro de Samos para pasar logo ao de Carboeiro, sendo reformada en varias épocas, polo fronte cunha ben labrada portada que coroa unha vieira e campanario de boa cantería no estilo barroco imperante no século XVIII. Nos últimos tempos construíuse outra ábsida, a nave lateral e a sancristía en ladrillo con remates de cantería. Da antiga aproveitáronse varios elementos románicos, coma os nove canzorros que agora figuran baixo a sopena da ábsida decorados con motivos xeométricos e unha cabeza de boi, e unha portada semicircular cunha cruz patada e varias métopas circulares e triangulares no tímpano, ao que alguén hai algún anos lle espetou o taboleiro de avisos parroquial, que o párroco José Criado, celoso na conservación e mellora do patrimonio relixioso ao seu cargo, quere cambiar para un lugar máis axeitado. Tamén se conserva unha pía bautismal románica e outra que semella anterior, poida que visigótica de cando a villa Fontanos aparece nun documento de doazón ó mosteiro de Lalín de Arriba, nas escaleiras que dan acceso ao recinto sagrado.

No interior, o templo ten dous retablos relativamente novos, non así algunhas imaxes que poden datar do séculos XVII e XVIII, coma a do Santiago Peregrino, que preside o principal, e as de San Antonio de Padua e San Benito Abade e as Virxes do Carme e do Rosario. No altar da capela lateral destaca a de San Lucía, que ten festa anual na parroquia, ao igual que a Santa Bárbara, que aquí ten un talla de madeira policromada de mediados do século XX, que precisa unha restauración axeitada.

A reitoral e unha fonte que debeu ser milagreira en tempos están agora na ruína, ocultas por unha espesa silveira. Sinalar tamén a existencia dunha capela dedicada a San Antonio na Casa Grande da Brea, cunha notable e antiga espadana, e dun cruceiro datado en 1620, preto dunha antiga casa dedicada ao turismo rural que en tempos pertenceu ao mosteiro de Carboeiro.

Poboado e museo mineiros

A xornada de festa aproveitárona algúns para visitar o Museo da Minería, a coitío pechado, que se atopa neste singular poboado que conta con cine, campo de fútbol, escola, xardíns e mesmo capela que non vén sendo usada para o culto. Mágoa que o extenso complexo mineiro a orelas do río Deza, que cesou na súa actividade nos anos sesenta, non sexa visitable. Xunto con outros atractivos da parroquia coma o Balneario da Brea e dos contornos -praia fluvial da Carixa, mosteiro de Carboeiro, fervenza do Toxa, por citar algúns- podería atraer ó turismo do interior de Galicia, e axudaría a mellorar a economía desta zona que leva anos sangrada pola emigración que nin a chegada dos habitantes do poboado mineiro logrou atallar.

A Santa Bárbara mártir e avogosa para as tronadas ten festa no propio día 4, de decembro na parroquia de Fiestras (Silleda), e en maio en Cumeiro (As Cruces), así como imaxes e culto, noutro tempo, nunha vintena de parroquias de Deza.

Compartir el artículo

stats