Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Misa e magosto no San Martiño de Fiestras

A fermosa igrexa románica conta cun capitel dun home espido único no interior de Galicia

Misa e magosto no San Martiño de Fiestras

O San Martiño é agora a festa principal da parroquia de Fiestras, aínda que en tempos foi a de San Antonio, e aínda se celebra a Santa Bárbara con novena e actos relixiosos, mentres a da Santa María, á que en tempos se suplicaba a chuvia cando había seca prolongada, cunha procesión a xeito de Clamor e meténdolle os pés na fonte local, xa só fica na memoria dos máis vellos. Nesta ocasión houbo misa a cargo do párroco Amador Marugán e botáronse algúns foguetes, pero non houbo procesión por mor da chuvia, polo que tivemos tempo antes de xantar, para botar un ollo ao interior do templo, incluído nunha ruta do románico polas terras de Silleda. De seguido os veciños celebraron un xantar e magosto no centro social cun excelente menú de callos e lacón asado, que tiña sobremesa e música a cargo do dúo Urakán.

A igrexa, que fora construída en estilo románico a finais do século XII, foi refeita e ampliada no XVIII, reutilizando boa parte dos elementos da primitiva, coma a ventá da ábside cun rechamante capitel de dúas aves enfrontadas, a antefixa que se pode ollar no cumio da ábsida e unha colección de variados canzorros baixo os aleiros, conservándose enteiramente os do lado sur, no que aparecen un músico, un acróbata, un monstro e outros motivos, así coma varias métopas con círculos florais, un deles coa cruz de San Andrés, mentres que na outra banda, só se poden ollar un par canzorros, con figuras duns cans e dous homes sostendo un libro, ficando os demais ocultos polo muro da sancristía. A igrexa, xunto cun cruceiro de imaxes situado na entrada fronte as escalinatas que lle dan acceso, forman un harmonioso conxunto.

Pero o que chama máis a atención é o interior desta igrexa que conserva enteiramente o dobre arco triunfal con fermosos capiteis, un deles decorado cunha figura humana núa, que cubre as súas partes coas mans, que para algúns historiadores é unha representación de Adán logo do pecado orixinal, que se completaría con outra existente nun capital enfronte, no que aparecería Eva, aínda que non é doado aseguralo, xa que foi mutilado no século XVIII, para chantar un monumento funerario neoclásico cunha ben labrada estatua xacente dun clérigo da parroquia, poida que o mesmo que levou a cabo a ampliación da igrexa que durante varios séculos pertenceu ao Mosteiro de Aciveiro, que as foron aforando aos veciños e que logo pasarían ao Marqués de Santa Cruz de Ribadulla e outros, deica tempos máis recentes. O capitel do home espido, único no interior dunha igrexa en Galicia, lembra o existente na portada da igrexa monacal de Ansemil. A igrexa que aínda conserva restos das pinturas murais no presbiterio, foi obxecto de interesantes estudos por parte dos historiadores Hipólito de Sá, Bango Torviso e Yzquierdo Perrin, puido servir de modelo ás de O Castro en Silleda e Anzo en Lalín.

Desta parroquia xa nos ocupamos no ano 1989 no libro A comarca do Deza, e dende entón, aos poucos, continuamos recollendo documentación acerca do castro medio derruído de fonte a igrexa; dun inédito cruceiro nun penedal a pé do camiño que vai o monte comunal; da media ducia de muíños e das dúas pontes sobre o río Toxa; do Coto dos Mouros, e as súas lendas e posibles petróglifos; da Casa do Convento que foi tulla dos frades de Aciveiro no típico lugar de Maril e doutras casas podentes, un par delas dedicadas ao turismo rural. De aquí saíron persoeiros da familia Sobrino Taboada, fidalgos que, nos séculos XVIII e XIX, deixaron pegada na historia de Galicia ao ocupar importantes cargos na Inquisición e na Universidade Compostelana e tomar partido a prol dos invasores franceses cando a Guerra da Independencia. De todo elo tentaremos publicar algo máis adiante, contando coa impagable colaboración de amigos e veciños de Fiestras.

Compartir el artículo

stats