Chorar pola súa ausencia e aledarse cos seus recordos. Foi o consello que lle dera a nai de Luis Gustavo Rodríguez ao director do IES Laxeiro, Uxío Grande, para sobrelevar a perda do compañeiro, amigo e xefe de estudos cos que compartiu equipo no seis últimos anos. E foi o consello que o director quixo compartir onte cos centos de persoas que participaron na homenaxe do instituto ao profesor finado o 19 de agosto.

Uxío Grande interveu coa voz quebrada en varios momentos, como lle pasou aos outros dous directores que coincidiron con Luis Gustavo na xefatura de estudos: Luis Jar e Xosé Manuel López. Este, que abriu a ronda de intervencións de directivos xa moi emocionado, quixo darlle as grazas tamén por ser un amigo e un compañeiro naqueles partidos de baloncesto onde Luis Gustavo sempre agoiraba que ían perder.

A física e a química, o deporte, a música e a serie de películas de Stars Wars eran as afeccións deste docente. Por iso todas estas cuestións estiveron onte moi presentes nun tributo de case tres horas, nun salón de actos que se quedou demasiado pequeno como para honrar a un home grande en todos os sentidos. Máis de dez promocións de alumnos quixeron rememorar, en vídeos, como este profesor lles axudou a gañar 200 euros no Supermartes como lles permitía xogar ás cartas no recreo e como facía ata tres exames de recuperación para poder salvar a asignatura. Moitos dos seus exalumnos seguiron os seus pasos e formáronse en física, ou escolleron tamén dedicarse á docencia doutras materias. Luis Gustavo Rodríguez impartía clase no Laxeiro desde o curso 2003-2004 e sempre seguía a máxima de que ningunha materia é aburrida, solo depende da maneira en que se ensine.

E ensinoulle a andar, a vivir e a valerse por si mesma á súa única filla, Lucía, que non puido estar presente onte por atoparse estudando en Canadá. Pero quixo formar parte desta homenaxe mediante unha carta á que puxo voz a profesora Gracia Santorum e que a todos os presentes nos fixo pensar ata qué punto un pai (e unha nai) se nos fai necesario durante toda a vida. Lucía destacou todos os alcumes cos que era coñecido, o seu sorriso,ese bo facer "porque todo lle estaba ben", como apuntou Luis Jar, e ese tremendo baleiro que deixou na familia pero tamén nunha comunidade educativa que, a partir de onte, aínda o vai ter máis presente. Porque non se trata de que a homenaxe quede nun día, como indicou Uxío Grande, senón en manter a impronta deste docente ao longo do tempo. Por iso dende onte e ata o 17 de febreiro, data do seu nacemento, o instituto tén aberto o prazo para participar no I Concurso de Ciencia Luis Gustavo Rodríguez. Centrado este ano na temática da ciencia no deporte, está dividido en dúas categorías e poden remitirse ou ben vídeos de investigación ou ben vídeos de ficción ou monólogos de humor. O dictame do xurado coñecerase en maio. Haberá un premio por nivel e modalidade de 300 euros en metálico.

Igual que Rosalía no seu poema Negra sombra ten moi presentes aos seus seres queridos que se foron, pero que permanecen no seu recordo e en cada cousa que toca, a comunidade do IES Laxeiro segue tendo a Luis Gustavo con ela a través dunha imaxe, unha caricatura na que Mar García recolleu o seu caracteristico sorriso. Esta imaxe foi descuberta onte polos seus compañeiros e que para sempre presidirá o vestíbulo o centro. E da mesma maneira, plantaron tamén un acivro no patio do alumnado, na que foi a última parte da homenaxe e que contou coa actuación do dío de corda do alumnado.

A familia de Luis Gustavo Rodríguez estivo presente nun acto ao que tamén acudiron membros da corporación local e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ya que era amigo persoal do finado. A titular da Consellería de Educación, Carmen Pomar, remitiu unha carta ao centro. Xa cara o final da homenaxe, o irmán maior de Luis Gustavo, Julio, quizo agradecer o acto e deixou claro que foi a mellor homenaxe posible para o seu irmán. Para el e os seus, a vida deu un xiro inesperado desde aquel 19 de agosto. Pero como todos eran sabedores da paixón de Luis Gustavo por A Guerra das Galaxias, nun video de lembranza as bágoas dos presentes mudaron por sorrisas ó descubrirs os seus poderes, entre os que estaban, e están, o do amor, o do humor. Por iso na imaxe final deste vídeo non podía faltar a súa mensaxe en modo de camiseta aos seus centros de pupilos, convertidos agora en soldados imperiais: "alumnos, eu son o voso profesor".