Dende o luns 18 ata o mércores 20, Santiago acolle a IV Mostra de Repente, na que participa o instituto Marco do Camballón, de Vila de Cruces, posto que este centro puxo en marcha co IES de Baio o Proxecto Regueifesta e ademais imparte a materia optativa de Regueifa e improvisación oral en verso por cuarto ano consecutivo.

Así, o luns repentistas da illa de Madeira visitarán o instituto cruceño, para cantar improvisando co alumnado local. O martes e no auditorio do instituto Rosalía de Castro, en Santiago, terá lugar o encontro central con actuacións de Regueifesta, Festcordel (de Avanca, Portugal) e o Projeto Repentismo, da illa de Madeira. Actuarán repentistas de entre 7 e 17 anos, pero tamén improvisadores experimentados de Galicia e Portugal. Haberá ademais mesas redondas e un concerto con músicos de Madeira. O mércores, a Mostra será no IES Maximino Romero de Lema, en Baio, con repentistas bergantiñáns e lusos.