O padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística deu a coñecer onte o fallo dos galardóns deste 2019. No apartado do uso e defensa do galego no eido da Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes resolveuse distinguir á asociación cultural Tamparrantán; no eido Galicia enteira a premiada será a atleta Ana Peleteiro e o premio á normalización durante toda unha vida outórgase ao Museo do Pobo Galego.

O padroado destes premios está composto por Juan Constenla Carbón, Henrique Vázquez, Lourdes Dono, Iván Sanmartín, Carlos Andújar, Luis Ferro e María Sanmartín Ruzo. Os premios entregaranse nun acto aberto ao público que se celebrará no mes de novembro no Teatro Principal.

En relación á asociación Tamparrantán, lémbrase que naceu no ano 1992 na parroquia estradense de Santo André de Vea e que, dende os seus inicios, marcouse como obxectivos recompilar e difundir a música e o baile tradicional, así como outras manifestacións propias da cultura destas terras. A investigación, recompilación e estudo da indumentaria popular converteuse tamén nun dos sinais de identidade da agrupación, cuestión que a levou a ser galardoada en diferentes ocasións, con premios a traxes de cotío de home e muller, premios de grupos, traxes antigos e conxuntos de pezas. A asociación tamén traballou ao longo destes anos noutros eidos da cultura galega, como é o caso do traballo do liño, cunha histórica trascendencia no Val do Vea.

O premio á normalización no ámbito galego recae este ano na atleta galega, plusmarquista nacional na modalidade de triple salto, actual campiona de Europa en pista cuberta na súa especialidade e elixida mellor atleta española junior de 2011 a 2013 Ana Peleteiro, que recibiu en 2013 o Premio Princesa de Asturias S.A.R. Dona Letizia. Destaca o padroado destes premios que a atleta é unha recoñecida defensora do acento, a lingua e a cultura galega, facéndoo publicamente en moitos medios de comunicación.

No tocante á modalidade na que se premia o uso e defensa do galego durante toda unha vida, este ano decidiuse honrar cos Premios San Martiño ao Museo do Pobo Galego, que abriu as suás primeiras salas en xullo de 1976 no antigo convento de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago. Desde o padroado lémbrase que se constituiu como un organismo de servizo da comunidade "e sempre comprometido coas tradicións e costumes galegos que a miúdo resultaron esquencidas ou relegadas da historia oficial pero que son precisamente a esencia onde un pobo atopa as pisadas da súa identidade". En 1993 a Xunta recoñece ao Museo do Pobo Galego como Centro sintetizador dos museos e coleccións antropolóxicas de Galicia e no 2008 foille outorgado o Premio Nacional de Cultura Tradicional.

Os Premios San Martiño de Normalización Lingüística cumpren este mes de novembro na Estrada 29 anos adicados a salientar o labor de persoas e institucións que, dende distintos ámbitos, traballan a prol da lingua e da cultura galegas.