Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carbia, xuventude e San Antonio Abade

A antiga capital das Cruces celebrou festa con misa solemne na súa igrexa barroca con cinco retablos

O templo ten cinco retablos e un par de púlpitos.

Os paisanos de máis idade da comarca de Deza seguen denominando Carbia as terras do actual concello de Vila de Cruces, e aínda As Cruces e non Vila de Cruces, topónimo que usan unicamente para designar á actual capital municipal. Carbia foi ata 1944 a capitalidade do concello e os veciños aínda sinalan aquí a que fora casa consistorial, deica que Vila de Cruces, pola súa mellor situación e comunicacións, xunto aos intereses políticos e a concorrida feira de entón, lle privaron daquel privilexio. Con todo, Carbia é unha das parroquias máis poboadas do municipio, xa que anda preto dos 450 habitantes, formando case unha vila a pé da estrada que vai das Cruces a Ponte Ledesma, na que se atopan algúns negocios e servizos.

A parroquia celebrou a pasada fin de semana a XXIII Festa da Xuventude e tamén o San Antonio Abade, con misa solemne oficiada polo novo párroco Javier Brey, quen aproveitou a ocasión para presentarse aos fregueses desta parroquia que en adiante terá ao seu cargo xunto con outras dos contornos. Logo a procesión, trala que nalgún tempo se bendicían os animais, sendo a celebración en xaneiro, e de seguido a parte profana, con sesión vermú e verbena co grupo Unión y Fuerza e a orquestra Cinema.

Non é a única festa que celebra esta parroquia, xa que en setembro ten lugar a coñecida romaría da Nosa Señora das Pedras, que tivo capela no lugar do Casal, sendo avogosa para os que padecen polas pedras nos riles; a do patrón San Xoán en xuño, con Santo Antonio de Padua e a Virxe do Carme; a Virxe do Rosario a primeiros de outubro; e a concorrida festa campestre da Madanela a última fin de semana de xullo, na capela que a Santa María Magdalena ten no cumio do monte deste nome, miradoiro da parroquia e das terras do Ulla. Antano era moi popular a romaría do Santo Eleuterio, que ten capela na igrexa, onde se libraba aos cans da rabia impoñéndolles un relicario co dedo do santo. A imaxe aínda fica na igrexa parroquial e nas proximidades a súa fonte milagreira.

A igrexa de Carbia é un dos mellores exemplares da arte barroca da comarca de Deza. Construíse nun cotarelo que domina a parroquia entre os anos 1722 e 1766 que figuran esculpidos na nave principal. É un templo con nave principal e dúas laterais en cruz latina de boas dimensións, con grosas paredes polas que van as escaleiras á tribuna e a ermida torre de tres corpos, estas en caracol. Na bóveda e tamén nun dos muros exteriores da igrexa pode ollarse o escudo da Orde dos Dominicos que deixa testemuña do señorío que dende o século XVI exerceron os frades do convento de Santo Domingo de Santiago, por doazón do Conde de Altamira, con dereito de presentación e abundantes rendas que recollían na súa tulla do lugar de Abealla. O templo garda cinco fermosos retablos barrocos e grande variedade de antigas imaxes. O do altar maior está presidido pola imaxe do patrón San Xoán e ten relevos da Santísima Trinidad e do sacrificio de Abrahan. Dos dous retablos das naves laterais, un está dedicado á Virxe do Rosario coa súa imaxe cun relevo no que aparece con Santo Domingos de Guzmán e noutro coas ánimas do purgatorio. O outro retablo está dedicado a Santo Eleuterio Papa, e nel teñen acomodo as Virxes das Pedras e a das Dores, as dúas de vestir. Completan os cinco altares da igrexa, os dous que están na nave principal dedicados á Virxe do Carme e Santo Antonio de Padua. Tamén merecen mención dous púlpitos tallados con figuras dos Apóstolos e relevos de San Brais e San Gregorio Magno, así coma unha valiosa cruz procesional e unha ben labrada pía bautismal. Formando conxunto coa igrexa está a casa reitoral con grande cheminea e o edificio que foi escola antes da concentración escolar.

Compartir el artículo

stats