O mes de novembro comezará e rematará con música. No auditorio Manuel Dopazo, o sábado 9 terá lugar o Festival de Bandas da Bandeira e o sábado 16 a actriz silledense Cristina Collazo fará a estrea do seu novo espectáculo teatral, unha obra sobre María Pita, seguindo a estela de A Cova das Letras de poñer en valor a mulleres vinculadas á nosa historia e tradición. O espectáculo tamén se representará despois en Silleda.

No apartado de exposicións, dende Vista Alegre abrirase o día 8 -data na que o colectivo cultural celebrará o seu magosto popular- unha mostra colectiva de pintura, escultura e fotografía ca participación de diversos artistas galegos baixo o lema Cor, forma e luz. Tamén na Casa da Cultura de Silleda, do 20 de novembro e ata o 3 de decembro, poderá verse a exposición de fotografías Nós, de Luis Taboada Brea, na que son protagonistas os usuarios e actividades do CDR-Medelo de Cogami.

A programación de outono remata cunha dobre cita o sábado 30 de novembro: o Concerto de Santa Icía da Recreativa e Cultural da Bandeira e o Festival de Corais no Camiño de Inverno, unha nova iniciativa da Coral Polifónica Trasdeza.

A programación comezará a difundirse nos vindeiros días en puntos coma o kiosko situado xunto á praza da Igrexa. "Iranse dando os detalles de todos os eventos nos vindeiros días", indicou a responsable de Cultura, Mónica González, na presentación de onte, canda o alcalde, Manuel Cuíña. "Temos unha programación moi variada na que tamén contamos, coma sempre coa iniciativa das moitas asociacións e colectivos culturais e veciñais, un dos mellores activos do municipio de Silleda que fan que sigamos sendo referente en ámbitos coma o cultural", engade o rexedor.

O día 1 de decembro arrancará xa o programa de Nadal, no que xa se está a traballar dende distintos departamentos municipais.