Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os aeroxeneradores pagan a festa en Méixome

Os veciños desta parroquia teñen o privilexio de non aboar a cota, ao botar man dos fondos do canon dos eólicos do Monte do Carrio

Santiago, San Roque e San Antonio comparten celebración. // D.G.A.

Os pouco mais dun cento de habitantes da parroquia de Santiago de Méixome en termos de Lalín, teñen o privilexio de non pagar cota ta para a celebración das súas festas, xa que botan man dos fondos que dispoñen procedentes do canon que perciben polos aeroxeradores do "Parque eólico do Monte Carrio" que explota a empresa Gamesa e comparten con outras parroquias de Lalín e As Cruces.

A pasada fin de semana a de Méixome, foi unha das mais de vinte festas que se celebraron na comarca de Deza, está dedicada a San Roque e San Antonio, os dous santos que contan coa maior presenza nos retablos destas terras da Galicia central. Xunto aos dous venerados e milagreiros santos, saíu tamén en procesión Santiago Apóstolo, patrón da parroquia. Os tres son levados polos veciños ao campo da festa a primeira hora da mañá para o mediodía baixar en procesión deica a igrexa onde ten lugar a misa solemne, acompañados polos sacerdotes, a banda de música ou os gaiteiros e veciños e festeiros. Nesta edición da festa coa música correu o dúo lalinense "Pachi e Carmen" na sesión vermu e verbena da primeira xornada e na segunda o grupo de gaitas "A Carballeira" de Cercio acompañou a procesión e aos dúos "Punto Cero" e "Acuarela", fixeron a sesión vermú e a verbena. A maiores destas festas principais, tamén fan no mesmo recinto de onda o centro social, unha "Festa do veciños" no mes setembro, coa participación de veciños e invitados.

Aba do Carrio

Malia ser unha pequena cuxas terras na aba da Serra do Carrio foron recentemente concentradas, Méixome conserva un importante patrimonio. A actual igrexa é barroca e relativamente nova costruída vai para douscentos anos sobre unha anterior da que hai mención no século XII nunha doazón ao mosteiro de Carboeiro. Da románica só fica a pía bautismal con cunchas de veira na base, reutilizaronse as pedras do arco triunfal e outras nos muros da actual e un sartego medieval dado a volta na parede da ábside. Anterior a igrexa é tamén un dos altares laterais, barroco con ornamentación de acios de vide e unha imaxe da Virxe do Rosario que pode ser do século XVI. Non menos antiga é a imaxe do San Roque que xa tiña unha Confradía a principios do século XVII nesta parroquia e ocupa lugar no retablo principal, no que tamén destacan por vellas a do patrón Santiago, a da Virxe do Carme e San Benito Abade, sendo mais novas as do Sagrado Corazón, San Luís de Gonzaga e San Antonio. O outro retablo lateral que ao igual co principal foi feito cando a actual igrexa, está dedicado a Concepción, que ao igual que San Xoán Bautista -do que non ollamos imaxe- tivo capelanía nesta igrexa segundo contan García Porral e González Murado nunha súa publicación. Tamén merece mención a cruz procesional, de prata finamente labrada e recentemente restaurada.

Preto do castro local hai unha capela arruinada que ben merecía unha restauración, e na parroquia hai varias casas grandes coma a do lugar de O Castiñeiro rodeada dunha boa propiedade na que non falta muiño e pombal, e outra dos Fidalgos de Requeixo, da que hai constancia no século XV cando os da casa eran foreiros do mosteiro de Carboeiro, na que estivo o famoso "Foucellas" cos seus nos anos da posguerra, nunha das súas incursións por estas terras, segundo teñen referido os irmáns Vegoña e Celso Alberte Magariños Costas, descendentes desta familia dos Fidalgos.

Mámoas

Podiamos dar conta tamén das mámoas de onda o campo da festa que estudou o amigo Antonio Presas; dos petróglifos da Pena Cantadoira o pé da Serra do Carrio, descubertos por nós hai tres anos, cando tamén localizamos algunhas mámoas ou os do Coto da Casiñas que atoparon os veciños maís recentemente; dos bos exemplares de hórreos dos que destaca o de catro claros de Mato onda a parroquial, da vella escola na que puxo ensino o recoñecido mestre Xesús Golmar e doutras construcións populares, pero ocasión haberá para ampliar o que co gallo destas festas traemos aquí.

Compartir el artículo

stats