Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Francisco Sesto Piñeiro: "O problema das corais é que a media de idade é moi alta. Necesitamos voces novas"

"Durante o mes de setembro comezaremos unha campaña de captación de integrantes para as tres agrupacións"

Francisco Sesto, durante unha asamblea da Coral Polifónica de Lalín. // Bernabé/Javier Lalín

Durante a década dos anos 80 e 90 a Coral Polifónica de Lalín comezaba a darse a coñecer nos escenarios galegos, unha iniciativa que se foi perdendo pouco pouco ata que, en marzo de 2012, a fixeron rexurdir. O anhelo de moitos dos participantes da anterior coral de volver crear unha asociación semellante en Lalín fixo que decidiran celebrar unha reunión para reactivar a súa función. Durante esa xuntanza, Francisco Sesto Piñeiro converteuse no novo presidente da Coral Polifónica, un cargo que continúa posuíndo na actualidade.

-Cantos anos leva como presidente? Como xurdiu esta oportunidade?

-Dende o principio, no ano 2012 comecei a ser presidente. Sempre me gustou estar nun grupo de canto e nunca tivera a oportunidade, nunca o fixera. Cando vin que se celebraba unha convocatoria pública para volver crear a Coral Polifónica de Lalín decidín participar, pero nese momento a miña idea non era nin ser presidente nin formar parte da xunta directiva. A miña aspiración era saber se se ía crear un grupo para cantar, pero resultou que acabei sendo elixido como presidente.

-Cantas persoas participan neste momento na coral?

-Esta agrupación cultural está dividida en tres formacións. A primeira é a Coral Polifónica, que é para os maiores e hai 45 voces mixtas; despois está o Coro Luis Areán, para nenos de 6 a 12 anos, que conta coa participación de 15 e, por último, o Coro Xoven Voz, que vai dende os 12 anos en adiante, e está composto tamén por 15 rapaces. Este Coro Xuvenil estreouse o pasado mes de xuño. En total somos sobre 75 persoas as que formamos parte da asociación.

-Que valoración faría deste ano, están participando en moitos certames ou festivais?

-Si, estamos moi contentos. Levamos xa sete anos de actividade e agora estamos comezando a gozar. Constituír un coro non é fácil, sobre todo, conseguir ensamblar ben as voces. Este é un proceso que require tempo e non é doado conseguilo. Agora mesmo estamos nun momento doce porque hai moi bo ambiente dentro do grupo e estámonos divertindo moito enriba do escenario. Estamos poñendo as bases para ir mellorando, pouco a pouco, o futuro profesional da Coral.

-O festival máis recente foi a Mostra das Corais de Viana do Bolo. Como foi a experiencia?

-Na actuación que tivemos o sábado en Viana do Bolo participamos xunto ao Coro de Cámara Club Artístico de Ribadavia e o Orfeón Vianés. Foi un día extraordinario, no que aproveitamos para facer turismo xa que non coñeciamos a zona. O festival era sobre música variada, sobre todo, habanera. Resultou ser un dos mellores festivais que fixemos, tanto polo trato recibido, como o resultado obtido no escenario.

-Como valoraría a situación actual destes grupos musicais? Necesitan que se lles dea máis visibilidade?

-Si, agora mesmo temos un problema a nivel xeral pero que tamén ocorre na Coral de Lalín, que é a idade xa que a media é moi alta. Fundamentalmente, contamos coa participación de xente maior e necesitamos incorporar xente nova. É unha pena que todo o traballo que estiveron facendo as xeracións anteriores durante anos, se perda. Neste mes de setembro, imos comezar cunha campaña de captación de novas voces, xa que tamén necesitamos voces masculinas, que adoitan ser menos participativas neste ámbito. Tamén intentamos que os novos integrantes saiban a importancia de ter unha boa convivencia no grupo xa que somos un equipo. Aínda que haxa diferentes xeracións, gostos e profesións distintas, debemos darlle proiridade ao compañeirismo.

-Cre que nesta agrupación vai haber relevo xeracional?

-Estamos traballando niso, esta foi unha das razóns polas que decidimos crear os coros infantil e xuvenil. É moi necesario que sexa cal sexa a actividade, as persoas interesadas nela teñan a oportunidade de poder participar. Por iso, dende a creación da Agrupación Cultural buscamos que aqueles nenos que lles guste cantar, poidan facelo. Se despois continúan ou non na Coral Polifónica pois iso xa se verá, normalmente, se che gusta cantar cando eres pequeno, continúalo facendo cando eres maior. O noso obxectivo é organizar diferentes eventos para crear afección, para iso tamén creamos festivais infantís e xuveniles aquí en Lalín, no que participan coros de toda Galicia. Tamén levamos a cabo todos os anos, no mes de abril, un festival de corais e, no mes de outubro, facemos o festival de outono. Neste certame contamos coa participación de agrupacións de renome internacional, que participan en concursos a nivel nacional.

-Como resumiría a experiencia de levar sete anos exercendo de presidente?

-O difícil dunha asoaciación é consolidarse, e iso leva tempo. Eu penso que durante estes anos, de non haber nada, conseguiuse activar a Coral Polifónica e crear dous coros infantís e xuveniles. Tamén se realizan tres festivais, de xeito rutinario, ao longo do ano, polo que eu faría unha valoración positiva xa que conseguimos avanzar moito. Ademais, para crear unha agrupación destas características necesitas formar un equipo e atopar as persoas adecuadas que estean dispostas a participar nese proxecto. Dende ese punto de vista, eu estou moi contento e, aínda que tivemos pequenos problemas, a valoración xeral é positiva.

Compartir el artículo

stats