Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marcos Mariño García: "Esta celebración é unha maneira de que os máis veteranos coñezan ó seu relevo "

"O sábado presentaremos o disco da banda, composto só por temas galegos"

Marcos Mariño, presenta o programa do aniversario. // Bernabé/ Javi Lalín

A Banda de Música de Vilatuxe realizou a súa primeira actuación hai 75 anos. Un feito que conmemoran este sábado coa xuntanza de todos os músicos e directores que algún día formaron parte da agrupación musical. Ademais, haberá un pasarrúas, unha misa para os músicos e unha comida no campo da festa de Vilatuxe. Aínda que o momento máis emotivo será cando todos os participantes, veteranos e xóvenes, se suban ao escenario para tocar o seu repertorio. Un momento que quedará no recordo de todos, ao que se sumará algunha que outra sorpresa.

-Este sábado celebran o 75º aniversario da Banda de Vilatuxe, cantos músicos van asistir?

-Máis ou menos contamos con entre 40 e 50 persoas de fóra, xunto cos que somos daquí, subiremos ao escenario máis de 120 músicos.Despois haberá unha comida a que pode acudir calquera persoa, e contamos con máis de 150 comensais.

-Ese mesmo día van dar un concerto, é complicado organizar a tantas persoas para ensaiar?

-Imos realizar un único ensaio , onde se xuntarán todos os directores que estiveron na banda ata o día de hoxe, para que cada un prepare o seu tema correspondente. O repertorio vai en función da elección das pezas que realizou cada un deles, estas serán:Vicente Agulló;pasodoble, Santa Comba, Feiticeira, Agárrate saxo, Puenteareas, Maruxiña e Mozos do penedo. Ao principio costou un pouco facer coincidir a tanta xente pero agora parece que xa funciona todo como se esperaba.

-Como fixeron para avisar a todas as persoas de que ían realizar esta celebración?

-Á maioría avisámola a través de internet e das redes sociais, sobre todo, á xente nova. Eu levo 16 anos nesta formación e os músicos da xeración anterior á miña, aínda se relacionan con whatsapp e coas redes sociais. Entón mandámoslle a todos unha mensaxe explicándolles a idea que tiñamos pensada e convidándoos a participar. Coa xente maior non sabiamos moi ben se chamar por teléfono ou achegarnos ata as súas casas. Ao final decidimos ir un por un ata as súas vivendas, deu moito traballo pero coa axuda de todo o equipo da xunta directiva, en tres días estaba feito. A noticia tivo moi boa acollida, quedaron asombrados, aínda que moitos non poden vir debido a unha enfermidade.

-Tamén haberá un pasarrúas e unha misa ? Participará a banda na procesión?

-Máis ben a misa é para a agrupación, foi unha decisión propia para recordar vellos tempos. Tocar o himno, a misa e xuntarse todos para que a liturxía sexa en conmemoración nosa.

-En Semana Santa gravaron un disco, ao final van a presentalo este sábado?

-Si, ao final dase a coñecer este sábado e estará composto só por temas galegos.

-Van realizar máis actividades ou sorpresas, por exemplo, entregarlles aos máis maiores algún recoñecemento?

-En principio, que eu saiba non pero supoño que se acabará organizando algo. Sobre todo, para as persoas máis veteranas que estean ese día presente, aínda que non se suban ao escenario para tocar. Hai moita xente maior que o día que fumos as súas casas para informarlos deste evento, dixeron que irían a comida pero non tocarían nada porque xa perderan a práctica.

-Se xa van 75 anos, isto significa que hai un claro relevo xeracional na banda. Percíbeno así?

-A verdade é que moitos dos músicos comentábanme que si que estarían interesados en ir á festa e á comida porque moita xente nova non coñece, aos que estiveron antes deles. Aquelas persoas que fixeron que isto seguira adiante, é unha maneira de coñecerse un pouco todos. Amais, aos veteranos tamén lles fai moita ilusión saber quen son o seu relevo xeracional e ver que todo segue adiante. Por iso, imos realizar a comida no campo da festa para que despois pola tarde os músicos se poidan coñecer.Tamén é unha maneira de recordar vellos tempos xa que moitos músicos da mesma xeración, que foron compañeiros, levan moitos anos sen verse.

Compartir el artículo

stats