A Fundación Xosé Neira Vilas, de Gres, convoca a cuarta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, dirixida a obras inéditas escritas en lingua galega e destinadas a un público infantil e xuvenil. Este certame ten varios obxectivos: estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e promocionar obras de calidade para que a xente máis nova poida descubrir o mundo da novela.

Os traballos, cunha extensión de entre 50 e 150 páxinas, deberán presentarse por triplicado e de xeito anónimo na sede da fundación. Deben levar un título e, nun sobre pechado á parte, hai que indicar os datos da persoa autora e teléfono de contacto. O prazo de recepción de orixinais remata o 11 de outubro, e o galardón será entregado o 3 de novembro nun acto público, coincidindo coa conmemoración do aniversario do nacemento de Neira Vilas, o 3 de novembro de 1928.

O premio está dotado con 1.000 euros, suxeitos á retención fiscal correspondente, e a publicación do traballo seleccionado. O xurado resérvase a posibilidade de declarar deserto o certame, e o seu ditame será inapelable. Os orixinais que non resulten premiados poden ser retirados polos autores nun prazo de 30 días, a contar desde a entrega do galardón. As bases completas poden consultarse na web www.fundacionxoseneiravilas.com.

Nas tres primeiras edicións, as propostas gañadoras foron Diario de Brian, o chinés, de David Daniel Vázquez Álvarez; O home de negro, de An Alfaya; e Detrás dos perdidos, de Pedro Rielo. Nos tres casos, a publicación correu a cargo de Edicións Embora.