Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sello celebrou a festa en honra a Santiago e Santa Ana

A actual igrexa substituiu a antiga románica, da que localizamos varias pezas e tamén imaxes da capela de Mouroces

A procesión con Santa Ana e Santiago ao redor da igrexa. // Daniel G.A.

En Sello, parroquia que na actualidade non chega aos trescentos habitantes repartidos en catorce lugares, artillaron un bo programa de festas en dúas xornadas, con senllas misas solemnes e procesións, sesións vermú, concertos e verbenas que tiveron por escenario o campo da festa que rodea o centro social e que correron a cargo dos grupos Reflexos e Nueva Era e as orquestras Unión y Fuerza e Huracán.

Os actos relixiosos tiveron lugar na ampla igrexa parroquial, unha construción do século XVIII erguida con trazas barrocas e neoclásicas, na que destaca o seu retablo principal de grande ao que se accede polas escaleiras da sancristía e mostra entre outras imaxes as de Santiago Matamouros, o Sagrado Corazón,a Virxe do Carme e San Xosé. A actual igrexa substituíu a unha anterior románica da que localizamos, tempo atrás, un par de canzorros e algunhas pedras labradas nunha casa fidalga do lugar do Barreiro. Tamén pertenceu á vella igrexa o retablo que se conserva nun lateral con varias imaxes antigas e outras da que viñeron da desaparecida capela do San Gregorio de Mouroces, que estaba preto na coñecida por Zarra do Fidaldo, non lonxe da mítica Cova da Xila, onde aínda fican algunhas pedras que se desbotaron para a construción da nova igrexa parroquial. Da capela de San Gregorio, da que hai noticia no ano 1572, ademais da pequena imaxe de madeira do San Gregorio, veu tamén outra do San Gabriel que fica no retablo e unha terceira dunha Virxe sedente co Neno, quizais gótica que foi roubada xunto con outras pezas e obxectos nunha noite do Nadal de 1982. Da vella igrexa tamén se conserva un sartego de pedra que agora está onda a porta lateral que dá o camposanto, preto doutra mais recente do que fora cura desta parroquia a principios do século XX , Dámaso Mato Abeledo, dos Torreiros de Palmou, fidalgos que tiñan dereito de presentación en Sello. Debeu de ser un dos últimos moradores da grande casa reitoral na que entraran en 1809 os invasores franceses sendo cura Manuel Arias Gómez e que agora fica en ruínas fronte a parroquial. Tamén contan os veciños que na construción da actual igrexa se empregou pedra traída da vella capela da casa do Arcediago de Fontecabalos, tamén desaparecida.

Podiamos referir tamén a existencia na parroquia de varias mámoas e os restos dun castro, as casas fidalgas dos Madriñán de 1794, dos Vázquez Arias no Barreiro con escudo de 1572, a Casa Grande do Corvillón con ciprés e sobreira notables ou a de Horta datada en 1813 cunha impoñente araucaria no saído ou das telleiras que funcionaron na parroquia e da lagoa que produciu a extracción do barro. Pero ímolo deixar para outra ocasión en que habemos contar novamente coa axuda do noso informante e amigo de vello, Xavier Méndez Madriñán, que sabe moito desta parroquia, na que tamén fai desinteresado e meritorio labor de sancristán.

Compartir el artículo

stats