Con tan só 23 anos, Adrián Sánchez xa conquistou a cuna do saxofón. Este silledense conseguiu entrar no conservatorio Jacques Thibaud de Burdeos, un referente no estudo deste instrumento de vento-madeira. Na actualidade, cursa no centro superior Katarina Gurskka de Madrid, da man do seu profesor Pedro Pablo Cámara, unha das figuras españolas máis importantes neste ámbito. O próximo 10 de agosto dará un concerto no mosteiro de Carboeiro, chamado Contrastes Sonoros.

-Dende pequeno a súa predilección xa foi o saxofón ou comezou tocando outro instrumento?

-Si, dende sempre. Aos nove anos xa empecei a tocar o saxofón.

-Sempre tivo claro que se quería dedicar á música?

-Bueno, iso foi un pouco máis tarde. Ao principio tíñao como un hobby pero despois cando ves que os teus compañeiros, que son un pouco máis maiores, empezan a involucrarse no mundo da música, si que te das conta de que che gustaría dedicarte a iso. Con 13 anos xa o tiña moi claro.

-Comezou na escola municipal de música de Vila de Cruces e despois na escola de música e danza de Santiago de Compostela. Que idade tiña?

-En Vila de Cruces empecei solfeo con oito anos e despois para Santiago mudeime cando tiña 16. Xa tiña moi claro que me ía dedicar á música. Despois funme a Burdeos e alí xa empezou toda a miña carreira, comecei a coñecer xente de varios países de China, Singapur, Latinoamérica. Empezas a crear contactos e daste a coñecer.

-Como xurdiu a oportunidade de entrar no conservatorio Jacques Thibaud de Burdeos?

-Foi un pouco casualidade. Ao principio ía facer as probas para entrar no conservatorio en Mallorca pero un profesor, que me estivera dando clase ese ano e tamén estudara en Burdeos,recomendoume o sitio. Eu non contaba entrar, era como unha lotería, ademais, a cidade de Burdeos é a cuna do saxofón. Unha vez que me dixeron que estaba dentro xa non houbo outras opcións posibles.

-Que supuxo emocionalmente para vostede entrar nun conservatorio tan importante?

-Moitas cousas. Non só por traballar con profesores de renome e coñecer persoas de todas as partes do mundo; aprendes das súas costumes, da súa maneira de vivir. Emocionalmente foi unha experiencia incríble.

-Na actualidade atópase en Madrid. Que está realizando alí?.

-O que realicei en Burdeos foi coma unha especialización en saxofón, música de cámara contemporánea. Pero como alí non me validaban o título, tiven que volver a España para facer o superior de música. En principio non tiña pensado facelo pero preferín aforrarme problemas. Elexín Madrid porque aquí estaba o profesor Pedro Pablo Cámara, que xa o coñocía de antes e é unha das figuras españolas máis importantes que hai no mundo do saxofón.

-Xa foi galardoado con varios premios. Con cales?

-Si, os dous foron no mesmo certame, o Prix Open Nissan e Prix du Theatre Saint Bonnet de Bourges. Foi unha gran sopresa xa que, aínda que ía preparado e con confianza, había un nivel moi alto. Ademais, era o primeiro concurso ao que me presentaba polo que a emoción aínda foi maior.

-Se tivese que destacar un concerto dos que leva participado, cal sería?

-Aínda que é moi difícil escoller, creo que destacaría un concerto en Croacia, que foi o último que toquei cos músicos cos que compartía clase en Burdeos. Foi un espéctalo musical que nos saiu moi ben, recórdoo con moito cariño.

-Cales son os seus plans de futuro, os máis inmediatos?

-Agora mesmo estou seleccionado na final do concurso Osaka International Music Competition. É un concurso dos máis importantes do mundo que non está só enfocado ao saxofón, se non á música en xeral. Estou xa clasificado para a final e voume agora a Osaka (Xapón), a segunda semana de outubro.

-O próximo 10 de agosto dará un concerto no mosteiro de Carboeiro. Que supón para vostede sendo de Silleda, actuar alí?

-É unha gran oportunidade poder tocar no mosteiro de Carboeiro, xa que o recordo dende que eu era pequeno e pasaba por alí para ir ao río. A última vez que entrei, o ano pasado, sorprendeume o bonito que estaba e a boa acústica que ten.

-O título do concerto é Contrastres Sonoros, ten un significado en concreto?

-Si, quería facer referencia a variedade musical que vou tocar. Un contraste entre a música barroca de músicos como Telemann, interpretada habitualmente en lugares similares ao mosteiro, e a música contemporánea de autores como Giacinto Scelsi. Durante este concerto, tamén me acompañará a saxofonista silledense Claudia Carballo, de 17 anos. Remataremos o concerto coa Invención nº 13 para teclado de Bach.