Pode acudir á sala de tratamento é o SMS que reciben, dende esre venres os usuarios dos Hospitais de Día de Oncoloxía e Hematoloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago. A Xerencia sanitaria compostelá ven de implantar un novo sistema de avisos para os pacientes oncolóxicos que están pendentes de recibir o tratamento no hospital de día. Trátase dunha plataforma de comunicación baseada no envío de mensaxería que chegan ao teléfono da persoa que o paciente ou os seus achegados designaron, de xeito voluntario, como contacto.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar a autonomía dos pacientes, sen que teñan que estar fisicamente na sala de espera mentres se preparan as doses de tratamento. Enmárcase dentro do plan de humanización da xerencia para mellorar o confort dos doentes. Os Hospitais de Día de Oncoloxía e Hematoloxía foron concibidos para ofrecer unha asistencia integral, de modo que cada vez que o paciente acode a recibir tratamento se realizan as actuacións asistenciais nunha única visita e nas dependencias do Hospital de Día: a consulta co seu médico -previa extracción de mostras de sangue realizadas, en moitos casos, nos centros de saúde-, a prescrición da súa terapia, a preparación individualizada por parte do servizo de farmacia e a administración do tratamento na sala. Isto evita que o paciente realice múltiples desprazamentos ao hospital en diferentes días, pero necesariamente orixina esperas entre estas actuacións asistenciais, imprescindibles para garantir a seguridade do proceso de administración do tratamento. As mensaxes son enviadas desde o propio ordenador do hospital de día mediante a plataforma LEMBRA, polo que a comunicación entre a enfermería e o paciente é directa e inmediata. No día da súa posta en marcha, recibiu moi boa acollida entre os usuarios, sinalan desde o Sergas.

A Xerencia Sanitario de Santiago estuda estendelo ao resto dos Hospitais de Día.