Agolada converterase entre o 5 e o 7 de xullo no mellor escaparate dos oficios tradicionais galegos coa celebración da oitava edición de Corazón da Artesanía, xa consolidada tras recibir máis de 8.000 visitas o ano pasado. No recinto histórico dos Pendellos estarán presentes 66 profesionais de 27 modalidades diferentes e 47 expositores de produtos de alimentación.

Durante tres días, Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único con artesanía en vivo, showcookings e venda de produtos gastronómicos, obradoiros e exposicións, animado con música e baile en directo e actividades para nenos. Así se puxo de manifesto onte na presentación celebrada no mercado con presenza da directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez; a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro; o alcalde agoladés, Luis Calvo; e mailos presidentes das asociacións galegas de artesáns, Manolo González, e de artesáns tradicionais, Albino Quinteiro.

O encontro contará coa participación de 66 profesionais de artesanía de Galicia, dos que 36 son da provincia da Coruña, 22 de Pontevedra, seis de Lugo e dous de Ourense. Practican oficios como xoiería e ourivería, cestería, marroquinería, bixutería, olería, téxtil, tellería, cerámica, forxa, colareiras, zoqueiras, talla de madeira, xoguetes, torneiría e talla de madeira, ilustración, zapatería, elaboración de instrumentos musicais ou de figuras de pan e manipulación de papel.

Amais de percorrer os postos de exposición e venda, os visitantes poderán asistir a demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros gratuítos abertos para todos os públicos, que están programados en horario de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:30. Nesta ocasión, impartirase para adultos e nenos un obradoiro de manipulado de papel, impartido por Mimadriña (Fisterra); outro de creación de cianotipias, a cargo de María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo); un de iniciación ao torno cerámico, da man de Susana González (A Coruña), Antón Romar (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo); e outro de pintura sobre tecido, impartido por Como Pez en el Agua (Santiago).

A Fundación Artesanía de Galicia impulsa dous cursos de formación especializada para artesáns: un de complementos zero waste, técnica de confección dunha prenda de moda coa que se aproveita o 100% da superficie da tea, impartido por Aroa Veiga (Gondomar), e outro de cestería de palla con silveira e xesta con vimbio, na que se traballará na evolución da técnica de cosedura en espiral, a cargo de Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén).

Como xa é habitual, en colaboración con Galicia Calidade, incorpora Artesanía no Prato, na que prestixiosos cociñeiros galegos empregan pezas da marca como soporte dos seus menús. Participarán Lucía Freitas, da Tafona (Santiago); Héctor López, do Restaurante España (Lugo); Alén Tarrío, do Pampín Bar (Santiago); e Javier Rodríguez Ponte Taky, do Catering Boketé (A Coruña); ademais da enóloga Cristina Murga e o barista Óscar de Toro. As 47 empresas de produtos de alimentación presentes proceden da propia provincia (17), A Coruña (14), Lugo (10) e Ourense (6). Haberá tres food trucks á disposición dos visitantes nas proximidades.

Música

O VIII Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia complétase con espectáculos e concertos na Praza do Concello. O grupo Baiuca pechará o programa do venres ás 22:00 horas e a actuación de Fanfarria Taquikardia protagonizará a noite do sábado (22:30). A sesión vermú sabatina estará amenizada polo Dj Moreno Moreno e a dominical, por Chus Silva Dj. A música tradicional estará representada pola Asociación Folklórica Cultural Xirandaina, de Santiago, que actuará o domingo ás 19:00 horas.