En Saídres honraron ao patrón San Xoán na xornada do sábado e ao milagreiro San Antonio de Padua na do domingo, en ambas con misas solemnes, procesión coa participación da Banda de Música A Lira de Prado, que tamén ofreceu concerto o domingo na sesión vermú e verbenas coa orquestra Paraiso e o dúo lalinense Pachi e Montse.

Estivemos presentes na xornada do sábado dedicada a San Xoán, que saíu en procesión na compaña de San Antonio, que tería celebración o día seguinte. Ao remate dos actos relixiosos tivemos ocasión de falar co expárroco e vello amigo Benedicto Iglesias -en presenza do seu seu sucesor no cargo, o pai José Katanga-, que nos referiu algúns apuntamentos inéditos da igrexa parroquial. Contounos que o retablo principal desta igrexa é replica do que pode ollarse no célebre Santuario do Corpiño, os dous rematados coa imaxe de San Xoán Bautista e son obra do escultor santiagués Andrés Cardama, que fixo o primeiro en 1851 encargándose tamén de facer os púlpitos, mentres que o de Saídres rematouno en 1868, case vinte anos despois.

Neste altar maior de Saídres, a maiores da referida imaxe do San Xoán, móstranse as de San Benito Abade e San Bernardo, que proceden do mosteiro de Carboeiro e que viñeron parar a esta igrexa xunto coas de San Xoán Evanxelista e San Lourenzo que se acomodaron nos dous altares laterais, un deles vido tamén de Carboeiro e deica hai pouco tamén se mostraba aquí unha fermosa imaxe de pedra da Nosa Señora do Belén do século XIII, procedente do devandito mosteiro e que agora se garda no Museo da Catedral de Lugo.

A igrexa actual foi construída nas proximidades da anterior, que era románica, empregándose a totalidade da súa fábrica na construción da nova, na que poden ollarse canterías reutilizadas nos muros cando se construíu no ano 1817. Preto da antiga estaba a ara romana que se levou hai poucos anos para o Museo de Pontevedra. Tamén destaca a cruz que encabezaba a procesión, finamente labrada polo prateiro compostelán Duarte Cedeira El Viejo en 1599.

Da igrexa e da parroquia, que anda polos 120 habitantes repartidos en dez lugares e que en tempos foi importante centro mineiro do volfram xunto coa e Fontao, publicou un interesante libro Manuel Fernández Rey Chaira e nós mesmo temos tratado diversos aspectos en distintas publicacións.

Na parroquia lalinense de Palmou as festas celebráronse tamén en dúas xornadas. Na do sábado, dedicada ao patrón San Xoán, logo da misa houbo procesión, sesión vermú e verbena cos grupos Carpe Diem e Venus Band. O domingo honrouse a San Antonio, que saíu en procesión deica o cruceiro coa Inmaculada coa música da charanga KM0, que logo amenizou a sesión vermú.

Logo dos actos relixiosos, na compaña do sancristán, puidemos ollar algún elementos románicos que se conservan nesta igrexa, coma a pía bautismal, a cuxo pé se atopa parte dunha antefixa, ou un capitel que puido ser do arco trunfal que foi modificado, e que agora serve de floreiro onda o altar. A igrexa que aínda ten a portada lateral e fermosos canzorros románicos do século XII, é ben coñecida polo seu tímpano coa loita de Sansón e o león, que logo de ser vendido a un museo italiano hai case un século, foi mercado polo Museo de Pontevedra, onde se exhibe na actualidade. Da igrexa e da parroquia, que anda polos 160 habitantes, dan conta varias publicacións e pola extensión non aquece nesta reportaxe.