O Concello de Silleda volve poñer en marcha a campaña Non é non, coa finalidade de sensibilizar á cidadanía contra as agresións sexuais e o acoso ás mulleres durante as festas locais e que tod@s gocen delas en condicións de igualdade. A iniciativa, pioneira o ano pasado en Galicia, chegará ás Festas de Verán de Silleda, Empanada da Bandeira e Tortilla de Laro.

O obxectivo é difundir unha mensaxe clave de prevención do acoso e as agresións sexuais, instando a comportamentos de respecto e de recoñecemento de que o "non", tamén en festas, debe ser respectado. Dotarase dun soporte comunicativo para facer chegar a mensaxe á cidadanía, protexer ás vítimas potenciais e informar aos participantes nas festas do protocolo a seguir no suposto de detectar ou sufrir unha agresión sexista.

En concreto, crearanse dous puntos violeta en Silleda e A Bandeira e un en Laro, durante a celebración das súas respectivas festas, baixo o lema Non é non. Serán espazos nos que se sensibilizará á poboación en xeral e se atenderá, informará e axudará ás vítimas de calquera tipo de agresión sexista. Os referidos puntos de información, que estarán atendidos por voluntari@s previamente formados, abrirán ao público os días das celebracións en horarios de 13:00 a 14:30 horas e de 20:30 a 3:00.

Selección de voluntarios

A campaña contará cun servizo de tres educadores de rúa que informarán, distribuirán folletos e material promocional. Tamén repartirá carteis en todos os postos e negocios do pobo, medios de transporte público, sendo especialmente intensa a campaña nos establecementos de ocio nocturno. Precisamente, hoxe abre o prazo para a selección de voluntari@s dos puntos informativos, que terán sesións formativa, xunto cos educadores, os días 5, 6 e 7 de xullo, de 17 a 20 horas. Está previsto ler o manifesto da campaña no pregón e nas actuacións que se celebren.