Aínda que é a noite máis curta do ano, a de San Xoán acaba sendo unha das máis longas para os moitos veciños que participan nas súas celebracións. Unha das cacharelas máis concorridas da bisbarra dezá foi a que tivo lugar, precisamente, na rúa lalinense á que lle da nome. Ao redor de 450 persoas participaron na cea solidaria organizada pola Asociación de Veciños da Cacharela. Pero as tradicionais sardiñadas -moitas convertidas en churrascadas- sucedéronse en distintos puntos da comarca, malia a cadrar na véspera dun día laborable.

A da Cacharela é unha cita consolidada nos últimos anos cun carácter solidario, pois a recadación destínase a algún fin social. Aínda que cada peña leva a súa cea, a reserva do sitio custa 6 euros, 3 para os menores de 12 anos. Parte dos cartos recadados destínanse a pagar o aluguer das sillas e das mesas, os gastos de luz ou a actuación musical de Pachi e Montse. O sobrante será destinado a dúas asociacións non gobernamentais do municipio. A festa contou con ampla representación política, pois houbo mesas do Partido Popular, de Compromiso por Lalín ou do PSOE. A modo de anécdota, cabe reseñar a presenza dun grupo de estudantes alemáns que participan estes días nun intercambio co IES Laxeiro.

Outra cita con soleira na bisbarra é a Noite Máxica das Baratas, en Silleda, que nos últimos anos conta coa actriz Cristina Collazo para o conxuro da queimada. Tamén se reeditou o ritual dos desexos e, por suposto, se queimaron os malos na fogueira.

Tampouco faltaron as trasnadas propias da noite sanxoaneira. Así, o consistorio de Agolada amenceu coa vaca do almacén de Guerra -na estrada de Lugo- comendo herba seca ás súas portas, amais de sillas movidas dun bar da mesma praza. En Rodeiro apareceron colectores de basura fóra do seu sitio, segundo apuntaron desde Protección Civil.