A Bandeira rendiuse onte de novo á figura de Ramón de Valenzuela. A presentación da biblioteca da familia doada á Asociación Vista Alegre reuniu a un grande número de público no edificio do colectivo e serviu para inaugurar oficialmente a Semana Cultural deste ano que está adicada á figura do autor de Non agardei por ninguén e Era tempo de apandar.

O evento comezou pouco despois das oito da tarde coa presencia de familiares e autoridades. En torno as oito e media foi o turno do acto institucional, que contou coas intervencións de Dolores Sangiao Cacheiro, presidenta da Asociación Cultural Vista Alegre; Victor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia; e Manuel Cuíña, alcalde de Silleda. Todos eles loubaron ao escritor e galeguista nun emotivo e sinxelo acto protocolario. Coincidiron en suliñar o importante legado de Ramón de Valenzuela e a necesidade de reivindicalo na súa dimensión literaria e política. Compre lembrar cos 1.900 libros e revistas doados o ano pasado polo fillo de Valenzuela, Fernando, foron enviados dende Madrid e que Vista Alegre encargouse de facer o correspondente inventario.

Acto seguido tomou a palabra Carmen Mejía Ruiz, doutora en Filoloxía Románica e profesora titular de Filoloxía Románica na Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid. Mejía foi presentada por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e impartiu a conferencia inaugural da Semana Cultural de Vista Alegre. A charla serviu para que Mejía amosara o seu perfecto coñecemento da vida e obra do pai de O Naranxo. Carmen Mejía Ruiz é unha destacada estudiosa do exilio dos escritores galegos e cataláns no franquismo.

O evento celebrado onte rematou cun convite aos asistentes, que aproveitaron para percorrer polo miúdo a mostra sobre Valenzuela. E é que a asociación da Bandeira tamén conta nas súas instalacións cunha exposición permanente sobre a vida e a producción literaria deste sobranceiro veciño.

Próximos actos

A Semana Cultural seguirá hoxe cunha mesa redonda sobre a figura do escritor, baixo o epígrafe de Memoria, galeguismo e resistencia. Os poñentes serán Marga Romero Lorenzo, Xoán Carlos Garrido Couceiro e Matías Rodríguez da Torre. Mañá, a partires das 20.00 horas, o grupo de teatro Medias Verdes, da Bandeira, poñerá en escea a peza Obra biográfica de Ramón de Valenzuela. Para rematar, o venres, ás 20.30 horas, será o turno para Xirandola que representará un baile inspirado en O Naranxo, o libro de contos que publicou Valenzuela no 1974.