Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Jesús Otero Varela: "Quedáronme as espiñas da ponte de Insua e mellorar a estrada a Ledesma"

"Non hai ningún goberno que pare proxectos do anterior e se arrisque a perder diñeiro"

Jesús Otero, na comida Festa do Galo do pasado día 9. // Bernabé

Nos 29 anos que exerceu de alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero só colleu unha semana de vacacións ao ano "e non estaba tranquilo se non me chamaban Manuel Souto ou Beatriz Iglesias" , as súas mans dereitas, para indicarlle que todo ía ben. Agora que está na oposición, "quizais na única oposición", asegura que xa tivo tempo para un café cos amigos e visitar onte a feira do 17. "Antes non daba conciliado o traballo coa vida persoal, pero agora tampouco estou xubilado e vou seguir".

-¿Que balance fai destas case tres décadas como rexedor?

-Son os veciños os que teñen que valorar o traballo do meu equipo, pero é certo que cando cheguei á Alcaldía non había centro de saúde, nin escola infantil, nin residencia de maiores nin os auditorios de Cruces e de Merza. Tampouco o parque público de Cruces. Logramos construir un instituto, para o que tiven que pelearme incluso coa administración da misma cor política ca nós, e agora é un centro ao que lle fomos incorporando especialidades. Foron anos de desenvolvemento moi importante no rural, con locais sociais con cociñas nas parroquias,a posta en marcha das áreas recreativas da Carixa ou de Remesquide onde, por certo, restauramos a ponte vella. En canto ás vías de comunicación, puidemos unir parroquias con pistas que antes eran camiños de carros, como a de Salgueiros a Ollares ou as de San Pedro de Losón, Camanzo, Santomé de Obra ou Insua. Puxemos en marcha tamén concentracións parcelarias das que agora quedanpendentes a de Toiriz, Arnego e Loño. Coido que chegamos a moitas partes, o que pasa é que a xente logo se esquece, e hai que facer memoria.

-¿Pensa que todas estas obras puideron facerse porque cadraron en tempos de bonanza?

-Non, nós nunca vivimos en bonanza, porque sempre tivemos que traballar, adicarlle horas e días para conseguir as cousas. Eu sempre digo que na administración ou estás todos os días ou "la marea se lleva el cangrejo". En Vila de Cruces sempre tivemos investimentos, tanto en épocas de bonanza como de crise, porque saiamos buscar axudas xa fose na Deputación, na Xunta, en Madrid ou na UE. E tivemos que pelexar moito, como pasou para cambiar o céspede do Camballón. Abonda con poñer como exemplo que cando eu entrei como concelleiro, Cruces recibía polo pantano de Portodemouros 4 millóns de pesetas ( 24.000 euros), a través dun organismo da Coruña, e unha vez que nos integramos en Femembalses, pasaron a ser 22 millóns (132.222 euros). Eu ía traballar moitos días pola tarde, e os meus compañeiros de goberno estaban dispoñibles a calquera hora, incluso durante as fins de semana ou ás tres da mañá cando tocaba desatascar os aseos da área recreativa da Carixa. Fomos traballadores da administración, pero cun horario máis alá de 7.00 a 15.00.

-¿Hai algún proxecto dos que levou a cabo do que se sinta especialmente orgulloso?

-De todos, pero por citar algúns, das estrada de Vila de Cruces a Portodemouros, ou as que enlazan con Silleda e con Lalín.Tamén é certo que me queda esa espiña de mellorar a estrada a Ponte Ledesma ou a ponte de unión en Insua, que tén que xestionar o novo goberno. Esta ponte unirá as localidades do Couto e Dorvisou, porque agora mesmo non pode entrar nin o camión do lixo. Hai que poñer os terreos a disposición da Xunta para seguir coa adiante.

-Agora que menciona o novo executivo, ¿teme que paralice algúns dos proxecto abertos polo seu goberno, como a pista de pádel?

-Non hai ningún goberno que pare proxectos do anterior, arriscándose a perder diñeiro. Neste caso, hai unha axuda de fondos do Plan Concellos, e queda pendente tamén a reforma do polideportivo e a do matadoiro de gando, que tén que volver sair a concurso. En marcha está tamén a construcción do novo cemiterio de Añobre ou o proceso para a licitación do servizo de augas, xa que a concesionaria remata o contrato en medio ano e ata agora levabamos nós a depuradora de Merza. Estaba tamén falado coa Xunta un proxecto para a traída de Brandariz, Camanzo e Añobre, e para o que había un compromiso de apoio financeiro en varias anualidades. Non importa que fosen proxectos do PP, o importante é ir facendo dotacións. Nós deixamos en contas bancarias máis de 2,2 millóns de euros, e desta cuantía hai que pagar obras que estaban comprometidas, ademais de sacar os contratos dos que falei, como o da auga, o do SAF e o do matadoiro,para evitar consecuencias nefastas.

-Pendente queda tamén o PXOM. A aprobación inicial foi en 2014 e en 2017 Patrimonio enviaba un informe alertando da falta de catalogación de varios bens.

-Leva varios anos, é certo, pero creo que a Xunta tén que axilizar isto moitísimo, porque cada trámite acaba eternizándose. Dubido moito de que o PXOM estea listo no mandato actual.

Compartir el artículo

stats