Cumpría terlle moita devoción ao San Gregorio ou estar ofrecido por algún favor concedido, para achegarse na xornada de onte á capela que ten o santo na parroquia de Ollares, en terras do municipio das Cruces. Por iso, pouco máis dun cento de devotos asistiron ás dúas misas que se celebraron na xornada do martes de Pascua, e aínda foron menos os que ficaron para a sesión vermú e o xantar de carballeira que amenizaron Pachi e Montse.

Caía auga neve baixando de Vila de Cruces cara a Carbia e, por iso mesmo, a procesión non puido saír polo que os fieis tiveron que conformar con prender candeas, dar esmola para o santo e mercar unha postal que logo refregaban ao santo para que ficara bendita. Ninguén se animou ir beber ou coller auga a fonte milagreira que hai nunha volta do camiño preto da capela e que noutro tempo era visita obrigada. Desta abondaba coa auga que caía de riba, que fixo que os romeiros se acubillaran baixo a carpa que instalaron os da comisión onde se podía comer o pulpo ou o churrasco e por riba unhas rosquillas de Piloño.

Afastada máis dun quilómetro das casas da parroquia, a capela do San Gregorio polas súas características semella datar do século XVIII. O emprazamento nun cotarro que domina o curso do río Ulla puido ser lugar de culto pagán na antigüidade, e xa cristianizado pola relixión católica figura con culto no século XII. Conta a tradición que un penedo que baixou rodando do monte matou no lugar a unha pastora e alí brotou unha fonte ao carón da que os veciños acordaron construír a capela, e tamén refiren a existencia da "luz do San Gregorio", que en ocasións pódese ollar dando voltas arredor deste sagrado lugar. A capela é unha sinxela construción con cantería no arco triunfal, o chan do presbiterio e a espadana, que puideron ser reutilizados da antiga capela que refiren os documentos, sendo o resto de cachotería, boa parte dela caleada. En tempos recentes, foi obxecto de restauración, logo de que lle caera parte do tellado, e aproveitouse a ocasión para pintar a imaxe do santo, así coma o que se conserva do vello retablo, no que tamén pode ollarse unha imaxe da Inmaculada Concepción.

Estómago e verrugas

Deica hai poucos anos a romaría do San Gregorio de Ollares tiña grande concorrencia e moitos veciños dos contornos viñan rezar ao santo papa avogoso para as doenzas do estómago e as verrugas, e logo xantar entre os arboredos que rodean capela. Logo comezaba o baile que algunhas veces remataba con pelexas entre os de Ollares e Carbia, parroquias desta banda do Ulla, contra os de Circes e outras do municipio de Arzúa, da banda de aló, cos que decote mantiveron rivalidade.

Agardan os ramistas que o tempo axude na continuación desta celebración que teñen anunciada para o sábado 27, con misa solemne ás doce, procesión, gaiteiros, sesión vermú e xantares campestres e, pola noite, verbena co trío Manhatan 2019.