Unha curuxa rescatada nun prado próximo ao lugar de Toimil, na parroquia lalinense de Galegos, está sendo curada no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotorredondo. Os veciños que a encontraron avisaron ao sitio web Biodiversidade do Deza ao ver que non podía voar, "posiblemente a causa da rotura dunha das súas ás".

Estanislao Calviño foi quen, na mañá do pasado sábado, comunicou o achádego dunha curuxa común ( Tyto alba) que viñan de atopar os seus sogros nun prado. Desde Biodiversidade do Deza informárono do protocolo de actuación que hai que seguir nestes casos e que, na provincia de Pontevedra, remata co aviso a Cotorredondo.

Ao redor das seis da tarde, un axente ambiental procedeu á recollida "desta fermosísima curuxa que Estanislao e a súa dona Raquel acolleron a coidaron na súa casa durante boa parte do día", tal como relata o espazo dezao de divulgación da natureza. O experto informoulles de que, en caso de que se recupere, procederán á súa solta no mesmo lugar do achádego e que os avisarán para que estean presentes. "Desexamos que se poida recuperar axiña e que eles poidan gozar do que sería unha fantástica experiencia -apuntan-. Presenciar a devolución dun animal salvaxe ao seu hábitat, logo de salvarlle a vida, é un momento cheo de emoción que non se esquece". Desde Biodiversidade do Deza mostran o seu agradecemento e parabéns ao matrimonio e á familia Figueiras Crespo pola súa actuación e pola sensibilidade con este animal salvaxe.

A curuxa é unha ave común e sedentaria en Galicia, explican responsables do sitio web. Habita nas zonas agrarias con bosque disperso e aniña en ocos de edificios, en ruinas... e, máis raramente, en ocos naturais. "Trátase dunha ave nocturna e crepuscular que pon, desde abril a xuño, entre 4 e 7 ovos que choca a femia durante 33 días. Repite cría ano tras ano no mesmo lugar, se non é molestada", detallan. Esta especie aliméntase de micromamíferos e, en ocasións, tamén de insectos, anfibios, morcegos e outras aves, engaden desde Biodiversidade do Deza, un espazo moi activo na loita pola conservación do medio ambiente e na divulgación e concienciación sobre o mesmo.