A comarca de Tabeirós- Montes homenaxea estes días á poetisa galega por antonomasia: Rosalía de Castro. E faino dentro e fóra das súas fronteiras. De feito, onte a Asociación Cultural O Can de San Roque de Soutelo de Montes participou nos actos conmemorativos organizados pola Deputación Provincial de Pontevedra, que quixo deste xeito premiar o seu labor de recuperación da Festa do Gaiteiro.

Desde o ente provincial convidóuselle ao entender que -máis alá do traballo que fai esta entidade para dinamizar a súa contorna con excursións, cursos, o Entroido e a Festa do Cogumelo- o traballo que fixo nos últimos anos en favor da recuperación da Festa do Gaiteiro con criterios de sostenibilidade e respecto pola tradición singularizaban a este colectivo e facíano digno de representar a toda a comarca nos actos provinciais do Día de Rosalía. Isabel Gulías acudiu á cita no nome de O Can de San Roque e, como os representantes dunha decena de colectivos da provincia, deu lectura a un anaco dun poema de Rosalía. Elixiu "Teño un niño de tolos pensamentos".

Xa na Estrada, o Teatro Principal acolleu a primeira das actividades programadas polo Concello co gallo do Día de Rosalía. Consistiu nun recital de poesía e na proxección do videoclip Estás en min. No recital implicáronse integrantes do Clube de Lectura da Estrada ademáis de representantes de diversos clubes deportivos locais como a Escola de Fútbol, o Clube de Natación e Salvamento, o Clube Ciclista Estradense, Diverpatín, o RC Tenis e o EDM Baloncesto. A peza audiovisual obtida da man de Lucas Terceiro e Valentín Torrado tomou como base o videoclip de Mark Johnson e contou coa participación de artistas e bandas locais como Gabriel Estrada (Plan Siberia), Pablo Carracedo "Jasper" e Gustavo Brea (Nao), Xurxo Rodríguez (Esquíos), Andrea Porto (A Banda da Loba), Lucía Azurmendi e Juan Núñez (The Bichos Band), Anxo Fernández, Manuel Brey, Paco Guerra, Fernando Sanmartín, Xosé Manuel Marque, Jesús Carbia, Sheila Carbia, Saleta Lueiro, Nuria García, Ángela Eiras, Lía Vázquez, Nagore Fernández e Noa Baloira.

Hoxe A Estrada acolleraá tamén na honra de Rosalía o concerto da formación A Banda da Loba, na que militan as Estradenses Andrea e Marcela Porto. Será ás 22.00 horas con entrada a 5 euros. As irmáns Porto -noutrora coñecidas como as Gaiteiras de Codeseda e pola súa vertente literaria- e as súas tres compañeiras presentarán temas da súa autoría e o seu labor de musicalización de obras de poetas clásicos e contemporáneos do seu premiado disco Bailando as rúas.