Dende este domingo e ata o 10 de marzo, unha ducia de establecementos hostaleiros de Vila de Cruces pón en marcha o Entroido Gastronómico, coa intención de que os grupos que veñan ver os Altos dos Xenerais nas parroquias de Merza e Salgueiros, ou o desfile no casco urbano, descubran ademais o bo paladar que deixa a comida cruceña. En todos os casos hai que facer reservas con antelación, e participan os restaurantes Galicia; Casa Castro; A de Rafael; Don Din; Casa Goris; A Esghalla; Retranca's; Refuxio; San Ginés; O Pazo; O Castro de Cumeiro e Casa da Capilla.

Cada local dispón de dous menús distintos, con prezos de entre 18 e 38 euros por persoae que nalgíns casos, só se sirven para grupos. Neses menús non falta nin o cocido nin os postres típicos destas datas (orellas, filloas ou leite frito). Ademais, haberá cocido no menú do día os luns en Casa Castro, os mércores en Don Din e na Esghalla e os xoves, tamén en Don Din, Retranca's e O Pazo.

Por outra banda, sete locais de turismo rural ofrecen estancias especiais dunha noite, con almorzo, cea ou xantar incluidos. Son Casa Grande de Loño e Casa dos Cregos, ademais dos mencionados Casa Castro, San Ginés, Don Din, Goris e Casa da Capilla.

Como o Entroido da Ulla é un deleite para os cinco sentidos, para ir abrindo boca, onte o auditorio Xosé Casal acolleu os Atranques Escolares, cos alumnos dos catro centros educativos do municipio e máis o CEIP da Bandeira. Nun acto que durou máis de hora e media, abriron o programa os alumnos do CEIP Cerdeiriñas, cunha rumba na que gababan as bondades do seu colexio. A rumba e a parranda, outra tradición que recuperaron sobre o escenario os alumnos da Nosa Señora da Piedade, son cantos típicos, en grupo, nos que non falta a ironía nin sequera á hora de mentar os profesores. Nos Altos dos Xenerais, os alumnos da Bandeira demostraron o que é unha batalla dialéctica na que o mesmo se fala das goteiras do pavillón ou da necesidade de coidar o medio ambiente como se deixa mal ao contricante porque "te comes os mocos".