As rúas do casco urbán de Silleda volven acoller, por segundo ano consecutivo, o desfile de Entroido. Será o 3 de marzo e está organizado polo Concello en colaboración con ECOS, Amigos de Silleda, Asociación de Empresarios do Polígono Área 33, O Lacón, Banda de Música de Silleda, Escola de Música, S.D. Silleda e Escola de Fútbol de Silleda.

O desfile sae ás 17.00 horas da Praza Siñor Afranio e pasará polas rúas Progreso, Avenida do Parque, Santa Eulalia, María Colmeiro e rúa Outeiro, para rematar na Praza de Juan Salgueiro. Neste enclave instalarase unha carpa na que ademais de animación musical haberá chocolate sen glute e con churros para os asistentes.

Hai que anotarse, e o prazo estatá aberto dende mañá mércores ata o propio día do desfile. As persoas e grupos interesados poden inscribirse polas mañás na Casa da Cultura (de 8.00 a 15.00 horas) ou polas tardes, na Casa da Xuventude (de 16.00 a 20.00).

A organización establece dúas categorías; individual e colectivos. Cada unha tén dous apartados: junior (ata 12 anos) e senior (con máis de 12). Na categoría de grupos haberá tres premios, tanto en junior como en senior: de 200, 150 e 100 euros. Na de individual, tanto en junior como en senior, o gañador levará 50 euros, o segundo 40 e o terceiro, 30. Repartiranse, en total, 1.140 euros.

O xurado dará a coñecer o nome dos premiados na propia carpa, ao remate da deliberación. Pero os premios en metálico entregaranse o sábado 9 de marzo, tralo concerto da Banda de Música Municipal de Silleda e o grupo Píscore no auditorio da Semana Verde. Será, máis ou menos, sobre as 21.00 horas.

Xa a nivel municipal, o Entroido arranca este sábado en Lamela, unha das parroquias onde se conserva a tradición do Entroido da Ulla. O desfile comeza ás 17.00 horas pero o Alto dos Xenerais será sobre as 18.30, e rematará cunha cea baile no local social. Ese día, na Bandeira, a Aula de Música celebra o seu festival, no auditorio Manuel Dopazo, ás 12.00 horas. Os veciños de Abades, pola súa banda, compartirán un xantar.