Isabel Crespo Feáns: "A Praza de Abastos de Lalín necesita vida, movemento e tamén un cambio importante"

"Penso que os homes queren facer zumba, pero que se cohíben. Se foran máis en grupo seguro que non lles daría tanta vergoña"

Isabel Crespo posa no interior da súa nova tenda de alimentación na Praza de Lalín. // Bernabé/Javier Lalín

Isabel Crespo posa no interior da súa nova tenda de alimentación na Praza de Lalín. // Bernabé/Javier Lalín

Lalín

Fala polos cóbados, e semella que todo o fai cunha paixón pouco vista nunha rapaza tan nova. Isabel Crespo, "Isa" para todo o que a coñece, multiplícase para poder atender os proxectos que tén en marcha na súa terra natal. Namorada da práctica deportiva, agora aposta por recomendar a boa alimentación aos seus veciños cunha tenda na Praza de Abastos lalinense.

-Segue a compaxinar o seu traballo no multiusos cos outras actividades que está a desenvolver?

-Non. Agora estou como autónoma eu pola miña conta. No Lalín Arena botei uns seis meses pero fora daquela cando os contratos eran así "reguleiros". Entón, despois xa me puxen pola miña conta e xa fai diso tres aniños.

-Cal é o segredo para estar a tantas cousas á vez?

-Pois non sei. Supoño que é porque che gusta, e como che gusta tanto o que estás a facer non che importa investir o tempo que sexa necesario. Realmente, necesitas tempo para facer o que queres. Eu boto desde as oito que me levanto ata moitas veces ás doce, que chego de dar clase, e aínda vou a tenda para preparar todo para telo listo para o día seguinte.

-De todo o moito que fai, que é o que máis lle gusta?

-Eu penso que todo, sinceramente. Todo vai englobado na teima da vida saudable. A ver, a min dar clase encántame, pero sobre todo ter trato coa xente góstame moito dende moi nova. Todo o que leva aparellado coñecer xente e tratala góstame un montón.

-Considérase a si mesma unha defensora a ultranza da vida e a comida saudables, ou non?

-A ver, non son unha radical. Eu respeto o que queira ser todo o mundo, pero eu creo que cada un dentro dos seus criterios e da súa opinión debe tentar comer saudablemente e cada vez mellor, e por suposto coidarse cada vez máis e mimarse a un mesmo.

-Que foi o que a levou a montar unha tenda como "Riquiña"?

-A verdade é que foron unha serie de cousas. Unha porque me metín no mundo do ioga e iso me axudou ao meterme máis na teima da alimentación, que a xente che comenta e che pregunta por todo iso. Despois entereime de que ían sair a concurso os locais da Praza de Abastos de Lalín, e miña nai tén alí un posto de froita. Entón, realmente a Praza de Abastos de Lalín necesita vida e movemento, necesita que haxa cousas, necesita tamén un cambio importante. Foi cando pensei que se podo axudar un pouco a que funcione un pouco máis pois perfecto. Fíxate que me dou conta nestes días de que está vindo á tenda xente que non pisaba a Praza de Abastos de Lalín. Supoño que non o facían ata agora porque buscaban algo moi diferente do que en realidade había na praza. Eu mesma lles pregunto que é o que queren en realidade e se o podo conseguir, por que non?

-Entón, segue habendo xente do pobo que aínda non entrou na Praza de Abastos de Lalín?

-Por suposto. De feito, eu ata que estivo aí miña nai non pisaba a Praza de Abastos de Lalín, pasaba por fóra para aparcar no campo da feira. E fíxate ti que está moi cómoda porque tés o campo da feira para poder deixar o coche. Penso que igual cando abra o supermercado tamén haberá un pouquiño máis de vida no recinto.

-Tén agora moito menos tempo para facer deporte?

-Busco tempo. Aparte de dar clases, sempre a primeira hora do día busco uns trinta minutos para facer deporte. Entreno media hora pola mañá o que se chaman "hits", que é adestramento de alta intensidade no que fas pouco tempo e moi intenso. Hai que buscar un pouco de tempo porque non é o mesmo dar unha clase que recibila. Ás veces necesitas desconectar.

-Por que é mellor o zumba que a ximnasia de toda a vida?

-O tema do zumba quizais está agora máis de moda porque é algo sinxelo. Son pasos fáciles que pode pillar todo o mundo. Entonces, vas e pásalo ben, e realmente sentes que fas exercicio e o disfrutas. O aerobic é máis técnico porque tés que memorizar máis certos movementos e pasos. No zumba son coreografías que repites ao longo do mes e vas cambiando pouco a pouco e a xente vaise quedando con elas e resúltalle máis fácil. Ao final a xente o que quere é dentro do que traballe que lle resulte sinxelo.

-Segue sendo un terreo máis feminino que masculino?

-Si. Sobre todo nos pobos. Eu vexo que nas cidades hai moitos homes monitores. Ás veces vincúlase o feito de bailar a algo feminino, e non tén nada que ver. Eu teño tido homes e sen problema ningún. Eu non comparto que pensan algúns de que os homes van a clases de zumba para ligar porque hai moitas mulleres nas clases ou porque son gais. Agora mesmo teño concretamente un alumno que terá uns cincuenta e pico de anos, e venme, disfruta e gústalle. É unha pena que sexan os menos porque penso que realmente se que queren facelo pero creo que se cohíben. Non sei, se foran máis en grupos é posible, pero se non é como que lles dá vergoña facelo polo qué dirán.

-Con todo, sempre que se monta un zumbatón en Lalín hai centos de persoas participando?

-É certo. En Lalín hai varias monitoras pero penso que ao final hai cabida para todas. Cada unha temos as nosas alumnas e incluso alternan. Traballo hai para todas e cada unha escolle o que prefire. Tamén lles comento o da comida saudable e, de feito, moitas delas encárganme produtos que temos na tenda.

Tracking Pixel Contents