-É certo que tamén da clase de zumba no concello de Ribadavia?

-Si. Estou alí os martes e os xoves á tardiña. Moitas desas mulleres viñeron á inauguración da miña tenda, e aparte de mercar demandáronme cousas que lles tiña que traer. Ata as señoriñas que teño nun grupo faláronme do azucre moreno e que lles conseguira un par de quilos para probar. Hai moito problema co glute e tamén me pediron alimentos especiais para as persoas con ese problema.

-Por certo, de quen foi a idea de poñerlle á tenda "Riquiña"?

-Púxenllo eu. Estiven pensando e quería buscar un nome galego e que englobara a miña forma de ser. Hai xente que me chama así tamén. Teño visto xa camisetas con esa palabra, e é unha palabra que tamén utilizo moito. Penso que é un nome que describe moi ben o que quero transmitir. É como dicir que é algo feito con agarimo.

-Cal foi a razón pola que se afiliou a Compromiso por Lalín?

-Foi algo curioso. Un día o alcalde comentoume falando se quería pasar a formar parte do equipo e que o meditara e que o pensara ben, que non tomara unha decisión precipitada ao respecto. A verdade é que lle dei moitas voltas porque é o típico que a xente che comente que si vas abrir un negocio non te decantes nin por uns nin por outros. Ao final, dixen por que non? Rafael Cuíña paréceme unha persoa coa que o trato conmigo é bo. Cada vez que falei con el, sen problema ningún, e escoitoume sempre que necesitei contarlle cousas. Sentínme cómoda e aceptei a proposición.

-Gostaríalle ir máis aló no eido da política local?

-Que conste que tiña medo porque era algo que realmente non me planteara na miña vida. De feito nunca mo plantexei ata que el mo dixo. Nunca me gustou a política pero lémbrome desde sempre que eu tiña a mentalidade de se eu podo facer algo para mellorar calquera cousa do pobo ou do sitio onde vivo, se está na miña man de poder facelo, pois o faría. Igual por iso me metín na agrupación política. Se el pensou en min é porque cre que igual eu podo facer algo ou podo aportar algo para facer algo bo. Xa che digo que non sei o que pasará no futuro, pero o certo é que lle estou moi agradecida de que pensara en min para botar unha man no grupo.