A xunta de goberno local da Deputación incrementou o orzamento do programa Musigal para dar cabida a todas as solicitudes. Este órgano de goberno aprobou ademais o calendario de actuacións, que terán lugar entre abril e setembro e que achegarán a seis artistas ás terras de Deza e Tabeirós-Montes.

Desta maneira, Roi Casal ofrecerá en Lalín o seu espectáculo Son galego/son cubano, e ademais estará en Forcarei coa súa xira de décimo aniversario. Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre tocarán na Estrada, mentres que Verbena Galega ofrecerá o seu espectáculo na Agolada. Luar na Lubre tén previsto un concerto en Rodeiro, e Amantes da Terra estarán en Cerdedo-Cotobade e tamén en Vila de Cruces. Por último, Pepe Vaamonde Grupo programa dous concertos, un en Dozón e o outro en Silleda.

O departamento provincial de Cultura e Lingua lanzou o Musical en 2018, dentro do Ano da Lingua, e consolídase neste exercicio, declarado Ano da Música, "atendendo á gran demanda de música profesional que nos trasladan desde os concellos", como indica o deputado Xosé Leal. Conta, nesta edición, cunha partida económica de 518.000 euros.