Doade, cuarta aldea singular de Lalín
O xurado valora a súa conservación arquitectónica e, en especial, o seu intenso labor na recuperación do patrimonio histórico-cultural
Lalín
A cuarta edición da distinción Aldea Singular do Concello de Lalín xa ten gañadora: Doade vén de facerse co galardón que instaurou o actual goberno municipal para recoñecer a aquela aldea ou parroquia que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna arquitectónica, natural, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como en iniciativas de impulso económico, social, cultural ou de integración veciñal. A candidatura presentada pola Asociación de Amigos da Casa do Patrón foi a proposta que finalmente acadou a puntuación máis alta entre as tres que este ano concorreron ao certame (Doade, Donsión e Xaxán) alcanzando os 79.5 puntos sobre 100. Esta parroquia súmase así a Soutolongo, Zobra e A Xesta, que foran condecoradas con esta distinción nos anos anteriores.
En concreto, tal e como recolle o fallo, o xurado valorou de maneira moi positiva a conservación arquitectónica da parroquia e a súa integración coa paisaxe. Mais sinalou como aspecto diferenciado desta candidatura o seu recoñecido traballo a prol da recuperación do patrimonio histórico, destacando neste sentido as actuacións postas en marcha no castro de Doade nos últimos anos, con escavacións arqueolóxicas que deron como resultado a descuberta dunha vivenda castrexa, dunha parte moi importante da muralla e de milleiros de pezas de material arqueolóxico de gran valor. Así mesmo, estas exploracións postas en marcha polo Museo Casa do Patrón no castro -tal e como recoñece o xurado- "contribuíron a seguir divulgando a nosa riqueza histórico-cultural e serven como elemento de atractivo turístico dentro do municipio".
Ruta de sendeirismo
Os membros do tribunal tamén valoraron moi positivamente a posta en marcha por parte desta entidade dunha ruta de sendeirismo homologada, denominada Ruta do Castro de Doade. Trátase dun itinerario circular de 14 quilómetros de percorrido que comeza e remata no lugar de Codeseda e que, amais de dar a coñecer o castro que lle dá nome, percorre fermosos camiños rurais, carreiros e sendas á beira do río Asneiro, así como carballeiras, soutos, pontellas, muíños e fermosas contornas naturais.
Ademais, Doade é unha parroquia que salienta pola súa elevada e recoñecida actividade sociocultural, unha cuestión que se relatou detalladamente e con consistente apoio documental e gráfico na memoria entregada, destacando a Festa da Malla Tradicional que cada verán se celebra en Codeseda organizada pola Casa do Patrón. Esta candidatura tamén presentou unha boa proposta de traballos de recuperación do patrimonio na aldea e as memorias presentadas para defender a candidatura foron destacadas por varios membros do tribunal.
Mención a Donsión
Por último, o xurado deixa constancia do excelente traballo presentado pola parroquia de Donsión, onde destacaba o atractivo proxecto presentado na memoria.
- Primeras palabras de 'El Cordobés' sobre la separación de Virginia Troconis: 'Ahora estoy con...
- «Vivo con la angustia de si va a conseguir salir para quitarse la vida»
- La borrasca Éowyn supera las previsiones en Galicia: ya se registran vientos de más de 170 kilómetros por hora
- Remolcado un portacontenedores que se quedó sin motor a la entrada de la ría de Vigo
- Muere una mujer de 89 años en un incendio en su casa en Porriño
- Una deuda de 215.000 euros ahogó la segunda vida del clásico restaurante Follas Novas de Vigo
- La familia Armada acelera la venta del histórico astillero por cuatro millones
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro