Dentro de nove días comezan os festexos de Entroido en Silleda, onde as diferentes celebracións se sucederán ata o 9 de marzo. Así, o día 23 a parroquia de Lamela, unha das que garda a tradición dos Xenerais da Ulla xunto á localidade da Bandeira, comeza o seu desfile ás 17.00 horas. A comitiva parte de Barravaite e chegará ao campo da festa unha hora máis tarde. Alí terá lugar o pregón e mais o Alto dos Xenerais.

Tamén o vindeiro sábado, pero na parroquia de Abades, a asociación de veciños de A Costa celebra un xantar de Entroido, mentres que na Bandeira terá lugar un concerto da aula de música no auditorio Manuel Dopazo, ás 12.00 horas.

Na primeira fin de semana de marzo, o venres día 1 ás 17.00 horas na Casa da Xuventude terá lugar un obradoiro de confección infantil centrado nestas festas. Pola noitiña, e de novo na vila da Bandeira, volverá haber a tradicional Vellada, con ruta de tapas de entroido polos diferentes bares da localidade acompañada dunha charanga.

Na xornada do 2, e sen sair da Bandeira, ás 12.30 horas arranca o desfile de cabezudos polas rúas, e a partir das 16.00 comeza o pase dende a rúa do Deporte, coasmáscaras e parrandas que participan no concurso e, por suposto, os Xenerais. O Alto iniciarase na Praza da Feira coa sesión infantil que proragonizan os alumnos do CEIP da localidade. Por último, dende as 23.00 horas no pabellón haberá un baile de disfraces con DJ Troula, o dúo Punto Cero e o Trío Máster.Será ao longo da velada cando se entreguen os galardóns ás mellores comparsas, carrozas, individuais e charangas.

O domingo 3 de marzo, no casco urbano de Silled,a o desfile e concurso de disfraces comeza ás 17.00 horas dende a Casa da Cultura. Está organizado entre o concello e varios colectivos da vila e os seus galardóns vanse entregar no concerto-cea que organiza a Banda Municipal de Silleda o día 9.

O luns de Entroido, día 4, o centro cultural Vista Alegre acolle a xa clásica festa infantil de disfraces, desde as 17.00 horas. Os máis novos tamén teñen outra cita específica para eles,pero o martes 5 e no local social de Laro.

O 9 de marzo é o último día de festexos de Entroido no municipio. O programa desta xornada arranca ás 17.00 horas na Praza da Feira da Bandeira, coa primeira Ruada de Entroido que organiza Fortín da Pomba e na que participarán diversos grupos. En Silleda, a Banda de Música Municipal celebra no auditorio da Semana Verde, a partir das 19.30 horas, o seu Concerto (non) tan singular, xunto ao grupo Píscore. Ao remate do recital terá lugar a mencionada entrega de premios do concurso de disfraces, e a cea terá como escenario o pavillón do recinto feiral. Contará cun pinchadiscos.

Nese 9 de marzo, os veciños da parroquia de Taboada preparan unha cea de Entroido no seu local social, ás 21.00 horas e da man da asociación Santiago Apóstol.