"Un forte alcatreo converte o aire nunha substancia mesta, case irrespirable. Un vertedoiro infindo. Un futuro incerto. Mírese por onde se mire hai trebellos de todo tipo: mobles estragados, pneumáticos usados, colchóns vellos, peluches orfos, bonecas mutiladas... De socate, dun frigorífico abandonado, ábrese unha das portas, e do seu interior xorde a cabeza dun neno cuns auriculares amarelos nas orellas". Así se describe a aventura que o escritor arousán conta na súa novela Unha casiña branca, que primeiramente ía ser unha obra teatral, tal e como confesou onte o propio autor ao alumnado de 4º de Primaria do colexio Xesús Golmar, de Lalín. Esta actividade forma parte do programa Faro da Escola e este centro educativo é o primeiro de Deza que participa.

Nestas 128 páxinas o autor relata unha historia que esperta a conciencia dos máis pequenos, xa que relata as consecuencias que ten que no día a día as persoas pasemos por alto a reciclaxe. "Vivimos nun mundo de lixo, onde gran parte se acumula nos vertedoiros, pero aquí non é un problema moi grave, porque temos colectores, un camión de lixo que o recolle... o gran problema está noutros países de Asia, América ou África". Así introduciu a súa charla Marcos Calveiro, que con diapositivas con imaxes foilles contando a realidade doutros mundos nos que viven e viven de lixo. "Persoas que viven así como as da novela, porque isto é unha realidade, eles chámanlles tiradeiros, porque é onde tiran as cousas, e aquí hai lixo bo é malo, e todos pelexan por obter o mellor". Cando o escritor lles explicou que poden haber vertedoiros con moreas de lixo tan grandes como as cidades de Vigo e A Coruña, o alumnado quedou abraiado. Mesmo, Calveiro lles mencionou a outra realidade que temos aquí, á volta da esquina. "En menor escala isto tamén pasa nas grandes cidades, que é común de noite ver xente rebuscando nos colectores, sobre todo ,aqueles próximos a supermercados, porque tírase comida, aínda que algúns xa deciden doala aos bancos de alimentos".

O autor explicoulles as consecuencias que acarrea o lixo. "Aínda que hai un tratado internacional que obriga a cada país a facerse cargo do seu lixo, e que este quede en cada territorio, isto incúmprese". Faloulles do caso dos ordenadores vellos que moitas veces acaban en Asia ou África e "son moi contaminantes e nestes países contaminan os ríos e acaban prexudicando á auga potable e tamén afecta á respiración de grandes e pequenos". Ante isto o escritor referiuse ás veces que seguramente eles, os nenos, se enfandan polos deberes, por non ter o modelo de móbil que queren... concienciándoos que " non sabedes que sodes uns auténticos privilexiados".

Outras das consecuencias das que lles falou foi da mortaldade de fauna mariña e tamén das aves que se alimentan dela. Nunha foto puideron ver unha gaivota que no estómago tiña cantidade de lixo como tapóns ou a regleta dun enchufe. "Nuns anos o 100% das aves terán lixo no bandullo e morrerán por empacharse de plástico". Por iso, Calveiro recalcoulles a importancia de reciclar. "Eu na cafetería que teño o mobiliario é todo reciclado, por iso non hai unha cadeira igual, fómolas recollendo dos colectores e reparándoas e que a xente no sabe o valor que ten e o bonito que é o que tiran" e todo isto para explicarlles que "toda esta preocupación" lle levou a escribir este libro e que el sempre aposta por finais abertos.