O próximo sábado 23 de febreiro, Mahou levará a mellor gastronomía á 51ª Feira do Cocido de Lalín, unha das citas imprescindibles no calendario de eventos galegos. A carpa que a firma cervexeira instalará no Campo da Feira Vello, que un ano máis será un dos principais atractivos da celebración gastronómica, abrirase oficialmente ao público da man de tres chef referentes da cociña de vangarda en Galicia, todas elas cunha Estrela Michelin nos seus restaurantes: Inés Abril, en Maruja Limón (Vigo); Lucía Freitas, en A Tafona (Santiago de Compostela); e Iria Espinosa, en Árbore da Veira (A Coruña).

As cociñeiras ofrecerán tres showcooking nos que porán en valor as virtudes culinarias do prato galego por excelencia. As tres prepararán en directo, ante o público que se achegue ata a Carpa Mahou, varios pratos inspirados na tradición gastronómica do cocido. Os showcooking das comezarán ás 12:00 horas e, despois da exhibición culinaria, o público terá a oportunidade de degustar algunhas das tapas elaboradas previamente polas chef.

A entrada a este acto é completamente libre e de balde, polo que dende o Concello de Lalín se convida a todas as persoas que estean interesadas a asistir a un acto que permitirá coñecer en vivo as habilidades e o xeito de traballar dalgúns dos novos valores da gastronomía galega. Ao mesmo tempo, o público tamén poderá aproveitar para visitar os postos das firmas que se instalarán na Carpa Mahou durante a fin de semana do Cocido, que celebrará o seu día grande o domingo, 24 de febreiro.

Mahou é un dos principais patrocinadores da Feira do Cocido de Lalín e colabora coa posta en marcha de distintas actividades de lecer para completar a oferta do gran evento gastronómico da capital do Deza. Con esta iniciativa, quere achegar unha cultura gastronómica de máxima calidade a todas as persoas, compartindo novas experiencias baseadas no sabor máis coidado.