Moitos devotos que veñen aquí ofrecidos deixaron prendidas candeas, pagaron misas, deron esmolas e algúns tamén recolleron auga da fonte milagreira que hai ao pé da capela. A celebración non ten verbena e só os veciños do lugar de Vilar do Río teñen festa nas casas, sendo típico xantar os callos mesta celebración que concorre co Nadal.

É esta de Bendoiro unha tradición que se perde no tempo. A capela da Santa Lucia existía xa a principios do século XVIII e o Marqués da Ensenada refírea, xunto ao regato ao que lle da nome e tamén o molino en el sitio de Santa Lucía de Miguel Saco e o Campo de Prado, nos lindeiros desta parroquia lalinense coas de Prado e Noceda. Trátase dunha boa construción de cachote e cantería en forma de "L" que semella construída en varias fases con espadana con campá da función dos Taboada de Moneixas. No interior arcos de medio punto, un deles policromado con dous retablos medio podres e imaxes da Sagrada Familia, San Bieito, a Virxe do Carme, a Virxe dos Aflixidos a maiores da Santa Lucía que semella de feitura máis recente. Algunhas delas foron roubadas tempo atrás e recuperadas nun anticuario de Pontevedra segundo contan os veciños. Ademais, compre destacar que unha parte do teito está apuntalado malia que a capela fora rehabilitada a finais dos anos oitenta con cargo a Deputación Provincial de Pontevedra que presidía entón Xosé Cuíña Crespo. Daquela tamén se arranxou a fonte e instalouse un ben labrado cruceiro formando conxunto con esta capela que enmarcan un alto penedal e o rio da Santa Lucia que aquí salva o vello camiño cunha pontella.

O grande penedal que rodea ocupa a ermida á beira deste río sacro que ten outras dúas capelas nas parroquias de Méixome e Noceda e move no seu percorrido unha vintena de muíños, debeu ser na antigüidade lugar de culto pagán. Dunha poza circular con cazoletas arredor sae un manancial de auga que non seca en todo o ano e hai gravados na rocha que os veciños din que son marcas das ovellas que aquí tiña a santa.

Conta o veciño Amalio González Moure, un dos nosos informantes nesta parroquia, que un antepasado dos Faílde de Prado foi quen fixo a capela para cumprir unha oferta. Conta que levando as súas vacas a beber a fonte unha delas doulle unha cornada na cabeza e deixouno cego. Prometeu á Santa Lucia erguerlle unha capela se recuperaba a vista e como foi atendida a súa petición e sabía de canteiro fixo a obra. Tamén conta que hai máis de cincuenta anos un dos de Madriñan do Caserón de Prado, doou a mellor vaca que tiña á santa logo dunha milagrosa curación. A vaca que chegou engalanada foi poxada entre os veciños ao carón da capela. Na capela, tamen se garda unha pintura lembrando a curación de Gonsale de Castro que se ofreció a Santa Lucia y Cobró Vista.

Historia

Esta capela de Santa Lucía tamén foi escenario de desgracias. No seu porche xuntabánse mozos de Noceda e Bendorio para xogar ás cartas e tamén levaban un garrafón de viño para animar cada un destes encontros. Pero nunha ocasión e logo dunha discusión houbo un morto que foi guindado ao río. Con todo, os veciños de Bendoiro, Prado e Noceda decote compartiron espazo en harmonía nesta celebración tradicional que resiste o paso dos anos.