A Estrada adica cada ano unha noite, entre o autono e o inverno, para a poesía. Neste 2018 a elexida foi a de onte, 30 de novembro. O lugar mudou nos útimos anos, buscando o calor do Teatro Principal. As voces de nenos e non tan novos percorreron os versos nunha nova Festa da Poesía, pano que dende hai tempo se emprega para a entrega do Premio de Poesía Avelina Valladares.

Os actos arrancaron ás 20.00 horas. Antes de que subiran a ler os seus poemas os alumnos de diferentes centros educativos da Estrada, o Concello fixo entrega do galardón que leva o nome da poetisa de Vilancosta. Este ano o premio foi para Xurxo Alonso García, autor de No interior do vento.

Chegou despois o momento de que múltiples voces subiran ao escenario do Teatro Principal para ler diferentes poemas, todos eles escritos en lingua galega. Xunto cos estudantes locais, representantes de distintos colectivos quixeron aportar os seus versos. Chegaron poemas dende Anpas, a Escola Municipal de Artes Escénicas, a Fundación Cultural da Estrada ou clubes deportivos, entre outros moitos. Tódolos participantes nesta nova Festa da Poesía levaron un exemplar do poemario de Xurxo Alonso García.