O Gastrobar Doña Maruja de Lalín habilitou a segunda planta do seu local para ser, por dous días, un estudio de tatuaxes. Cun invitado recoñecido por moitos veciños e tamén a nivel nacional e internacional, o bar encheuse onte de xente que decidiu pasar polas mans de Rodrigo Arufe Ces, para debuxar a pel con deseños exclusivos e que quedarán sempre coas persoas.

-Por que decidiu vir uns días para tatuar en Lalín?

-Todo foi por un cliente meu e amigo, Krilín [Daniel Antelo], e como tamén viña máis xente ata o meu estudio de Vegadeo, comentoume para facer un pequeno evento en Lalín. Comentoume que o Doña Maruja tiña un reservado arriba e díxome que viñera mirar haber como funcionaba o evento. E a verdade é que estou moi contento.

-Tes os dous días completos...

-Si, teño todo cheo ambos días, ata que me vaia hoxe ás catro da tarde.

-Como chegou a ir xente de Lalín ata Asturias?

-Pois todo a través das redes sociais. Chegou a vir xente de San Sebastian ou de Santiago, e de outros moitos sitios. As redes sociais moven moitísimo, e se lles gusta o teu estilo e como traballas pois van. Eu ademais xa lle reservo alí habitación e dígolle o que visitar, lévoos a cear comigo. Se veñen de moi lonxe pois xa se quedna varios días por alí.

-Ves posibilidade de repetir este tipo de eventos no Concello de Lalín?

-Estamos barallando esa posibilidade, se segue indo así de ben, igual veño cada quince días ou xa máis adiante incluso montar un estudio aquí. Tería que buscar un baixo que se poida habilitar para esta acción.

-É a primeira vez que está fóra do seu estudio?

-Estiven en convencións e en competicións internacionais, que en novembro aínda vou ir a Pamplona a outro. Xa tiven un primeiro primeio en Black & Grey.

-Segue habendo prexuízos con respecto á xente tatuada?

-Non, eu creo que agora xa non tanto. Agora, coma quen di, é o mesmo que levar un pantalón de marca. Ves médicos, profesores ou gardas civís tatuados. Incluso a xente maior está empezando a tatuarse, a min a semana pasada, veume unha clienta que tiña 62 anos. Eu creo que non é tanto coma antes, algún xefe que é vello pode que non queira a empregados. Agora, por exemplo, nalgúns bares até prefiren a xente tatuada, porque é como se fose un plus, por moderno, por así decilo.

-Cando lle piden unha tatuaxe, prefire deseñalo vostede?

-Sempre o diseño eu. Eu o que fago é realismo en blanco e negro, entón sempre diseño a partir de bancos de imaxes reais. A min dinme o que lles gustaría, por exemplo, un reloxo marcándome a hora na que naceu a nena e o nome, ao mellor, pois eu xa busco con imaxes e photoshop, a base de diseño gráfico, algo especial. Non teño nin libros nin nada como antigamente, que chegabas alí e decíanche cal queres, pero así varias persoas tiñan exactamente o mesmo. Unha vez que vas a pagar ir todos iguais non ten sentido. A cada un hai que facerlle un deseño co que lles gusta, entón coas ideas que me traen, eu trato de plasmar nunha imaxe o que queren.

-Hai algún deseño que lle guste máis que outro?

-Gústame moito todo o que teña que ver co cine. Todo o que estea baseado en películas gústame.

-Ten algunha anécdota respecto a xente que se arrepinte de haber feito algunha tatuaxe?

-Si moitisimas. Teño parellas que fixeron tatuaxes xuntos, e logo vir borralo os dous, e ela vir facer outro coa nova parella. Son cousas que pasan.

-O tema prezo, en moitos estudios as tatuaxes teñen prezos moi altos, cre que a xente non valora o traballo dos tatuadores?

-A min nunca me regatea a xente. Eu teño uns prezos máis ou menos razoables, non é algo desorbitado, como pode que haxa noutros estudos. Iso vese moito nos resultados, porque a min estanme vendo seguido os traballos que subo ás redes sociais. Cando empecei a xente non estaba tan segura, porque tampouco tiña nada para mostrar como eu traballo. Eu a verdade é que non teño problema. Eu teño un prezo mínimo sempre de 50 euros, por calquera cousa que fagas, eso vai pola montaxe de sala porque hai que plastificar todo e utilizar material a sala. Cada un valora o seu traballo como quere e tamén hai que ter en conta a zona na que tes estudio os alquileres e todo iso.