Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pedrafita en Codeseda e petróglifo en Quireza

Capitán Gosende acode á parroquia estradense para dar testemuño do achado dun menhir

Membros de Capitán Gosende a carón do petróglifo do Outeiro Framil (Quireza).

O domingo 10 de xuño foi requirida a presenza dos exploradores de Capitán Gosende no lugar do Outeiro, parroquia de Codeseda (A Estrada), para dar testemuño do achado dun menhir. A suposta pedrafita está chantada nunha leira denominada A Bighoia (ou Vighoia), parcela adscrita ao dito lugar e estremeira coa estrada EP-7001.

A pedra fincada é, grosso modo, un ortoedro de granito (gran fino) no que non se advirten marcas de corte, é dicir, non apreciamos as características "dentadas" que, nos labores extractivos, deixan cuñas e guillos.

A rentes do chan, a entosta acada os 120 cm de alto. A 95 cm da base, o chantón presenta unha entalladura, a xeito de pescozo, que lle confire unha fasquía antropomorfa. Tomando como referencia a anatomía humana, a cabeza da figura posúe unhas dimensións de 25 cm de alto, 20 cm de perfil e 12 cm de fronte. Por debaixo da fenda do pescozo, o resto do corpo visíbel ten as seguintes dimensións: 95 cm de alto, 25 cm de costado e 15 cm de peito/costas. Crese que a sección oculta afúndese na terra 1 metro, polo que a altura total da anta atinxiría os 220 cm, aproximadamente.

A feitura da pedra lémbranos un poste tensor dun cercado de arame, mais, espalladas polas súas catros caras, contáronse unhas 37 coviñas. Dúas destas concavidades localízanse na "cabeza", unha a cada lado e no mesmo eixe, reforzando o efecto antropomorfizador. Algunhas das coviñas están unidas por unha canle (cecais, por mor da erosión), asociando estes elementos de dous en dous ou de tres en tres. Amais das coviñas, aprécianse outros riscos, algúns curvilíneos.

Na súa localización actual, o seu feitío antropoide acentúase se observamos o vargo na dirección norte-sur. O "nariz" oriéntase cara ao sudoeste. Dende esta perspectiva, un risco que, a medio talle, suca horizontalmente a cara posterior ("lombo"), ofreceríanos con rudeza a visión dunha crecha cabeleira.

Con todas as reservas, queda, pois, presentada en sociedade, a pedrafita da Bighoia/Vighoia (O Outeiro-Codeseda).

Unha semana despois, o domingo 17 de xuño, o colectivo Capitán Gosende descubriu un novo gravado rupestre no territorio de Cerdedo, en concreto na parroquia de Quireza. Este petróglifo fai o número 51 na conta da asociación e debe engadirse aos 39 xa inventariados en Cerdedo e consignados no libro O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (Morgante, 2017). A piques de esgotarse a primeira edición desta monografía e considerándonos vítimas honrosas da ingratitude, do desleixo e da tendenciosidade dos mandatarios locais, reafirmámonos na crenza de que a fusionada autoridade só se mostra hábil á hora de servirlles o rancho aos seus electores.

A xornada dominical levounos até as lombas da Laxa Grande (555 m de altitude), predios monteses sitos a poñente das aldeas quirezás do Outeiro e dos Castros e demarcados polo regueiro de Penices e mais por un afluente do regueiro de Portaquintas (Mapa Topográfico). Despois de investir unhas cantas horas no escrutado infrutuoso daqueles pedregais, decidimos, contra a noitiña, emprender o regreso. Na baixada, á altura do Outeiro Framil (topónimo por confirmar), interneime nunha chousa plantada de eucalipto. O plantío padecera había pouco os efectos do lume. A pedreira aínda conservaba o característico tisnado. A arte rupestre plasmada naquelas rochas non sucumbira aos avatares do destino e, nun prurito de transcendencia, reclamou a nosa atención dende a beira do camiño.

Ocupando unha posición central na zarra, os petróglifos do Outeiro Framil sitúanse, en liña recta, a uns 60 m cara ao nordés dun regato, afluente do regueiro de Penices; a uns 700 m, cara ao sudoeste, do núcleo do Outeiro, e a uns 800 m ao noroeste do lugar de Fondós.

A estación petroglífica componse de catro paneis. Nas coordenadas 42.566474; -8.447102 (ou 42º 33' 59.3'' N/8º 26' 49.6'' W) e a unha altitude de 440 metros aproximadamente, localízanse tres dos catro paneis inscultóricos. O primeiro dos conxuntos descubertos o pasado domingo tallouse na parte superior dun cachote granítico (gran groso) moi desgastado polos axentes erosivos. O cachote, pousado no chan de lousa, ten uns 90 cm de alto. A cara superior presenta unha superficie aproximada de 120 cm2. Os motivos representados son os seguintes: agrupamento e combinación dunhas 40 coviñas e 4 círculos. Dúas coviñas contidas en cadanseu círculo. Elementos rectilíneos. A cara oeste da pedra presenta o gretado característico da diáclase (aspecto escamento). Na cara sur labrouse unha cruz de termo (cruz arcada con calvario) de 18 cm de alto e 12 cm de envergadura. A presenza do signo cruciforme ratifica que o pedrolo e a súa marca non só foron relevantes para a comunidade prehistórica que os erixiu (lugar sagrado, fito de deslinde...), senón tamén para os pobos que, con posterioridade, habitaron o territorio. Con certeza, os petróglifos do Outeiro Framil amolloaron ou seguen amolloando as respectivas propiedades comunais das aldeas do Outeiro (N) e Fondós (S); abofé, nos nosos días, séguense considerando punto de referencia.

Cara ao leste, ao pé do primeiro cachote, case a carón do chan, atópase o segundo (pedra de gran groso). A superficie útil do panel é duns 160 cm2 (superficie visíbel). Nel graváronse unhas 20 coviñas e 3 elementos circulares. Perto do segundo cachote, sempre cara ao leste, atopouse o terceiro (pedra de gran groso), tamén a carón do chan. Superficie visíbel: uns 50 cm2. Nel riscáronse 5 coviñas. O grao de desgaste dos soportes fai que, na actualidade, só poidamos describir os vestixios da arte orixinal.

Finalmente, a escasos metros cara ao oeste, na cimeira do outarelo, nunha laxa luída e reboronda que orienta a súa pendente cara ao leste (uns 50 m2 de superficie), a compañeira Maite Arén atopou o cuarto panel (coordenadas: 4.2566535; -8.447362; alt. 440 m aprox.). O conxunto componse dunhas 15 coviñas e 4 círculos (3 contidas en cadanseu círculo). 2 elementos curvilíneos. A luz do solpor corroborou que, xacando, aqueles lenzos pétreos luciron ateigados de gravados. A natureza branda deste granito, os recorrentes incendios forestais e a pertinaz raizame dos eucaliptos aceleran a desaparición desta nosa herdanza de hai 4.500 anos. Cando menos, cómpre pinchar os eucaliptos dos arredores do xacemento e libralo da frouma e do chamizo. Hai uns meses, a escasa distancia do sitio arqueolóxico, unha padexadora abriu unha fonda e ancha devasa para evitar que unha queima incontrolada acabase afectando o eucaliptar. Que vén viría un cortalume de frondosas. A xestión do noso monte é paradigma do noso desgoberno.

Capitán Gosende informou da descuberta do cuadraxésimo petróglifo en Cerdedo.

Compartir el artículo

stats