Síguenos en redes sociales:

Os zombis de Dodro, mellor creación do Videoghit 2018

A mellor proposta infantil é unha versión dunha cantiga de amigo sobre a vinganza

A concelleira Pilar Peón, cos gañadores do galardón ao mellor vídeo. // Bernabé/Ana Agra

O auditorio da Semana Verde acolleu onte o acto de graduación do alumnado de segundo de Bacharelato do instituto Pintor Colmeiro, nunha xornada na que tamén se entregaron os premios do concurso audiovisual Videoghit 2018. Entre as 29 creacións, chegadas de diversas partes da comunidade galega, impúxose como mellor videoghit a peza Benvidos ao mundo da legoña (zurullo zombi), creado polos alumnos de 3º de Secundaria do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, de Dodro.

Nunha particular versión do tema Hotel California, dos Eagles, un mozo vai contando cómo a súa aldea se foi enchendo de zombies e, tras atalos a un chimpín, púxoos a sachar na leira. Pero os veciños que quedaban seguiron transformándose en mortos vivintes, así que tivo que fuxir da casa. Esta cinta conseguiu outro premio, o de mellor vestiario e decoración. Optaba, ademais, a outras dúas categorías: Mellor actor (Iván Ojea) e mellor montaxe e dirección de escena.

Nesta edición do Videoghit 2018 creouse unha nova categoría, a de mellor video para Infantil e Primaria, que recaeu en Fals' e traedor. Os nenos de 5º de Primaria do CEIP do Carballal, en Marín, rodaron as imaxes na Praia do Santo, en Ardán, e tamén na illa de San Clemente, que dá titulo á cantiga de amigo San Clemenço do Mar, que escribiu Nuno Treez e que non fala da morriña polo amante, senón de vinganza e desconfianza. Con música moi actual, o alumnos botan man destes versos para falar da igualdade nun video que tamén participou no certame VindeVideos. Unha das protagonistas, Ángela, conseguiu onte o galardón á mellor actriz. Optaba tamén a mellor vestiario e mellor actor.

O premio Concello de Silleda xa quedou na casa, coa cinta Case todo é o que parece, rodada en varias carballeiras do municipio. Comeza a narración co tema Eye of tiger, de Survivor, para dar pé logo ás críticas dun mozo sobre os amigos adiñeirados dun colega seu. O vídeo forma parte do novo traballo de Oh Ayatollah, Volve a canción protesta. Outro dos vídeos con selo trasdezano, País tropical, conseguiu o premio á mellor montaxe e dirección, grazas á unha versión do coñecido tema do mesmo nome de Jorge Ben Jor.

Por último, outra creación chegada dende Dodro, Piñeiros no xardín, tamén fixo doblete, como Benvidos ao mundo da legoña. Neste caso, os alumnos de 3º ESO do citado CPI Eusebio Lorenzo Baleirón versionan In hell we'll be in good company, de The Dead South. Vestido coma nos anos 60 o vocalista do grupo, Ávaro García, relata cómo, preparando unha churrascada á que acudiu ata o cura da aldea, por un despiste o lume estendeuse polos piñeiros do xardín. García levou tamén o galardón á mello interpretación vocal.

Pulsa para ver más contenido para ti