Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Lado Lariño: "A Cultura é a que nos pode facer libres dunha masa adestrada e manipulada"

Imparte hoxe en Silleda o obradoiro '5 minutos', no que achegará a poesía a 13 inscritos

Lado nun acto en Silleda organizado pola Deputación. // Bernabé/J. Lalín

A artista polifacética María Lado Lariño estará hoxe a partir das 12.00 horas na Casa da Cultura de Silleda para impartir o seu obradoiro de poesía 5 minutos, inspirado na súa última obra co mesmo nome, publicada o ano pasado. O libro está ilustrado por Nove Noel e editado por Auga. No taller inscribíronse 13 persoas e terá unha duración aproximada de 90 minutos.

-En que consiste a actividade?

-É un obradoiro de creación de obxectos poéticos a partir dos versos da miña obra 5 minutos. Primeiro, lerei un anaquiño e despois a partir dos versos faremos móbiles, que son eses xoguetes para colgar enriba dos berces. É unha actividade que ten moito que ver coas manualidades porque os asistentes pintarán, recortarán... ao mesmo tempo que escoitarán poesía. Ademais, é moi adecuada para os máis cativos, pero tamén para toda a familia, na que todos colaboran, pasando un momeno moi bonito.

-Por que o nome de 5 minutos ?

-Porque o libro fala dun neno que agarda co seu pai debaixo dun castiñeiro a que chegue o autobús que os levará á casa do avó. O cativo sempre que lle pregunta ao seu proxenitor polo tempo que tardará en chegar este dille cinco minutos. Mentres que o rapaz se desespera o pai e el recitan peomas, fan xogos matemáticos, xogos do que ven da natureza que hai ao redor... A obra pretende ser unha reflexión sobre que o tempo é relativo: cando o estamos pasando ben o tempo pasa voando e senón todo o contrario.

-Como é acollida deste tipo de obradoiros?

-Este obradoiro, pero reformulado, xa o fixen en Santiago, en Pontevedra, e o máis parecido o de mañá en Silleda, en Lugo e a verdade que moi ben. Este tipo de obradoiros serven para achegar aos lectore máis meniños, que comezan a ler, o mundo da poesía.

-O certo é que os maiores relatamos, sobre todo, contos aos pequenos e pouca poesía. Supoño que o percibe nestas actividades.

-Si, e co libro 5 minutos quero transmitirlles aos pequenos que a poesía tamén é entretida, e de feito, a obra inclúe diversos xogos.

-Mañá (por hoxe) celebra o seu taller nun día tan importante para os galegos como é o Día das Letras Galegas. Vostede cre que é necesario a conmemoración desta data?

-Si que é preciso porque hai que remarcar que con respecto á Cultura e á literatura galega a socieade vive de espaldas. Temos que ser conscientes de que a Cultura nos pode facer libres e apartarnos dunha masa adestrada e manipulada. Sen embargo, isto non debería ser só un día, senón todos os días debemos estar a prol da cultura e da lingua e se é das galegas con máis razón. Temos que estar orgullosos da nosa lingua e da nosa zona.

-Vostede que adoita traballar cos máis cativos, como percibe o uso da lingua galega por parte das novas xeracións?

-Depende da zona, podemos dicir, que falando de Galicia, hai metade e metade dos que falan ou non galego. O que si vexo é que os pequenos non teñen prexuízos no uso dun idioma ou doutro, son os maiores os que teñen máis problemas. É verdade que as veces os rapaces me teñen preguntado de porqué falo galego e eu contéstolles porque é a miña lingua. A verdade que eles son moi comprensivos e non teñen problemas en usar un ou outro idioma.

Compartir el artículo

stats