Por terceiro ano consecutivo, os institutos Marco do Camballón (Vila de Cruces) e Maximino Romero de Lema (Baio) organizaron en Compostela a Regueifesta, un evento ao que acudiron más de mil estudantes de toda Galicia e no que se puxo en valor a improvisación oral en lingua galega. Nesta ocasión, tamén acudiron adolescentes do País Vasco e de Cataluña, para dar unha clase práctica de repentismo que manteñen, respectivamente, bertsolaris e glosadors.

O auditorio de Galicia foi escenario dunha festa na que, ademais de profesores e estudantes, estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, posto que este departamento da Xunta apoia un evento que naceu ao amparo dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta. Alba María, Josinho da Teixeira, Séchu Sende e Manolo Maseda encargáronse de dinamizar o evento, acompañados de alumnos tanto de Primaria como de Secundaria chegados de diversas comarcas.

Durante dúas horas, e co apoio de diversas proxeccións audiovisuais, fíxose un percorrido pola xeografía galega a través dos diferentes xeitos de improvisar, dende os Xenerais da Ulla (tan presentes no Entroido de Cruces, Silleda ou A Estrada) como regueifas, brindos ou bombas. Ademais dos versos improvisados en galego, catalán e euskera, houbo música en directo, tamén por parte dos rapaces, e incluso se estableceu unha conexión entre o repente tradicional e otras correntes máis modernas, como o freestyle, unha tendencia do rap.

Xa na recta final da cita, entregáronse os premios da II edición do certame de regueifas en video, Enreguéifate, integrado no proxecto homónimo que impulsan os concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo para promover a improvisación oral en verso en galego. Entre os máis de 70 vídeos presentados concedéronse 14 galardóns, algúns deles compartidos, para destacar a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa,a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. Na categoría xeral premiouse a Coristanco, Conxo, Viveiro, A Pontragha, Ameixenda, Malpica e Coruxo, mentres que no apartado escolar os gañadores foron centros educativos do Courel, Sigrás, Santiago, Ames, Boiro, Asados, Burela e O Carballiño. Houbo dous premios especiais para Lois Cespón e BraisYáñez, do IESA Cachada, de Boiro, pola súa orixinalidade ao adaptar o freestyle.