Lalín, Silleda e Vila de Cruces reciben mañá ao Apalpador, un personaxe típico da Serra do Courel -ao que en Ourense lle chaman pandigueiro- que se encarga de comprobar que os nenos estean ben alimentados. Anxo Moure, contacontos e ecopacifista, leva difundindo esta figura dende o ano 2008. A Moure tamén se lle debe que os máis novos descubran as xacias, sereas que viven nas pozas do río Miño. Moure recolleu este ser mitolóxico no seu libro A xacia Luviñas.

-Foron os veciños de Doncos, nas Nogais (nos Ancares) os que o convidaron a representar por primeira vez ao Apalpador. ¿A qué fontes recurriu para darlle forma ao personaxe?

-A xente maior explicoume en qué consistía esta figura, á que tamén lle chaman Apalpabarrigas. Ao longo dos anos, fun construindo un personaxe que defende a comida sana, pero tamén os espazos naturais e a plantación de árbores. A través dun musical, os nenos de Silleda, Lalín e Cruces van facer un percorrido imaxinario dende a súa aldea ata O Courel, repasando xeografía e coñecendo ademais este gran espazo, ao que aínda hai que difundir máis.

-Vostede fai representacións só no Nadal. ¿Pode convivir o Apalpador con outros seres tan entrañables como Papa Noel ou os Reis Magos?

-Por suposto que si. Eu cóntolles a historia de que Papá Noel é, en realidade, Papá Courel, que tivo que emigrar dende estas montañas ata Alemaña e despois ata Laponia. Temos que pensar que, no fondo, son personaxes comúns, pois os dous pertencen á época do ano en que hai menos luz, igual que o Olentzero basco.

-Sei, por experiencia propia, que os nenos responden moi ben aos seus relatos como Apalpador. ¿Estamos ante unha xeración máis concienciada no coidado do medio ambiente?

-O certo é que os nenos están moi sensibilizados, e máis aínda neste ano, debido á vaga de lumes que queimou boa parte da comunidade. De feito, vou rematar este ano con 90 funcións como Apalpador, e creo que este éxito se debe sobre todo á difusión que están facendo destas figuras as escolas infantís.

-De feito, agora conta cunha Apalpadora.

-Así é, eu encárgome de levar ao Apalpador a 15 concellos durante estas festas e unha monitora de Chantada, Antía, fai de Apalpadora xunto a un músico. Isto permítenos ensinarlles aos máis novos a relevancia que tén a muller no mundo rural.

-Agora que vostede fala de Chantada, na súa vivenda en Garabelos, en Mariz, dispón dun auténtico museo para nenos e non tan nenos, cunha Casa das Árbores, o cine construido na antiga palleira, ou a titiricleta, por non falar dos carballlos que planta en botas vellas.¿Qué é o que máis che chama a atención aos nenos que o visitan?

-Sen dúbida, a casa enriba das árbores, onde lles relato contos. Sempre digo que no listado de dereitos da infancua habería que incluir o dereito a subir a unha árbore, porque a perspectiva que nos ofrece axúdanos a desenvolver a nosa imaxinación. E debemos ter en conta, tamén, que cando un tén medo, un conto sempre nos axuda a aferrarnos a unha esperanza.