Antón Alonso Ríos naceu no seo dunha familia labrega, tivo 11 irmáns e cursou Maxisterio cun dos académicos máis destacados da época, Víctor Fraiz Andión. Rematou os estudos en Santiago en 1906, e dous anos despois emigrou á Arxentina, onde puido convalidar a súa formación docente. Foi alí onde comezou a súa actividade en torno ao asociacionismo galego na emigración e ao movemento agrarista. Aproveitou, tamén, para cursar estudos de Filosofía. Coa proclamación da República, volta a Galicia en 1931 e comeza a dar clase en Tomiño. En 1936 pasa a formar parte das Cortes, pero o golpe militar obrígao a escapar e faise pasar por un esmoleiro portugués, o siñor Afranio, ata que consegue chegar a Portugal e embarcarse de novo para Bos Aires. Faleceu en 1980, cando ocupaba o cargo de presidente do Consello de Galicia.