Codeseda Viva, Mario Franco e Carme Pérez recibiron onte no Teatro Principal da Estrada os Premios San Martiño de Normalización Lingüística que recoñecen o compromiso co idioma. Para os tres galardoados pola Asociación Cultural O Brado da Estrada na 27ª edición dos galardóns San Martiño, este recoñecemento constitúe todo un fito no camiño.

Os tres son merecentes del porque traballan a prol da lingua galega mentres ollan o futuro sen esquecer a historia. Esta e a lingua camiñan collidas da man polas páxinas das obras do escritor Mario Franco, galardoado na modalidade de toda unha vida de defensa do idioma. Tras unha vida "moi aventureira", este antigo mariñeiro reconvertido en escritor aos 72 anos e veciño de Rubín, ten 15 libros escritos dos que catro xa foron publicados. Promete seguir traballando, incansable, na mesma liña para seguir facendo o que mellor sabe: contar historias.

Tamén a gañadora do premio de Galicia Enteira, a funcionaria natural de Tomiño Carme Pérez Vaquero, promete seguir traballando arreo pola normalización lingüística, á que leva moitos anos vencellada a través de colectivos como a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística ou Galeguizar Galicia.

Pola súa banda, a Asociación Codeseda Viva -que onte recibiu o premio e fixo público o seu agradecemento a través do arquitecto Marcos Pérez Cachafeiro- ten neste galardón un fito no seu camiño e ata no Camiño da Geira e dos Arrieiros, que une Braga (Portugal) con Santiago pasando por zonas desta comarca como Codeseda ou A Estrada. Pretende que sexa recoñecido como Camiño Cultural Preferente primeiro e como Camiño Xacobeo despois. Dous dos homes que máis se teñen implicado nesta loita e noutros importantes proxectos do ente -como a ruta de sendeirismo Codeseda-Sabucedo, o inventario de petroglifos e mámoas da parroquia ou a recollida de fotos antigas, documentos e toponimia parroquial- son Carlos da Barreira e Jorge Fernández. Onte preferiron que fora Marcos Pérez quen o recollera o premio, recoñecendo así o seu importante labor de investigación sobre o vello mosteiro de Codeseda. Foi un bo xeito de seguir facendo Camiño. Todos a unha polo futuro de Codeseda, da Estrada e de Tabeirós-Montes.