O Museo Casa do Patrón acomete unha nova escavación no Castro de Doade. A campaña correspondente a este ano comezará o luns, día 8, e prolongarase ata o 31 de maio. Os traballos serán realizados por cinco arqueólogos profesionais e cinco estudantes de prácticas do Máster de Arqueoloxía da Universidade de Santiago, ao abeiro do convenio de colaboración que ten asinado co museo etnográfico.

As actuacións consistirán na apertura de catro catas de 4x4 metros arredor das casas descubertas nas campañas de 2015 e 2016, na procura de novas estruturas habitacionais colindantes. Tamén se levará a cabo unha cata máis de 2x8 metros na zona perimetral da coroa do castro, fronte á súa entrada, para a localización dun posible foxo detectado polo xeorradar. Posteriormente, no mes de xuño, dúas restauradoras profesionais desenvolverán os traballos de consolidación das vivendas descubertas, así como a limpeza e restauración dos restos arqueolóxicos mobles que se localicen nesta campaña.

O museo xa comezou a construción dunha "fiel réplica" da primeira casa castrexa localizada no Castro de Doade. Contará con seis metros de diámetro exterior e será levantada con paredes de mampostería en pedra duns tres metros de altura e cun tellado feito de madeira e palla impermeabilizada, apoiado nas paredes e nun poste central, con piso de barro compactado. Formará parte do complexo museístico, servindo de base para a recreación de vida castrexa e a celebración de talleres e actividades relacionados coa mesma.

Por outra banda, neste mes de maio, Casa do Patrón procederá á construción e montaxe das estanterías, vitrinas, soportes, réplicas, etc. precisos para expoñer e albergar os milleiros de restos arqueolóxicos localizados na campaña do ano pasado, executada pola USC. Son máis de 10.000 pezas, que serán depositadas no museo ao logo do presente mes.