Un total de 33 traballos foron presentados para participar no XXIII Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que pechou o prazo de entrega de candidaturas o pasado día 18 de xaneiro. Este certame que organiza cada ano o Concello de Lalín como actividade complementaria da Feira do Cocido, ten a finalidade fomentar a difusión da cociña galega en xeral, e recoñecer o labor realizado por estudantes, xornalistas e escritores que prestaron especial atención ao devandito tema. Nesta edición os premios contan cunha dotación económica de 5.000 euros en premios.

Entre a listaxe de candidaturas, 16 pertencen á categoría absoluta, mentres os restantes 17 entran dentro da sección de traballos académicos. Asimesmo, entre a nómina de publicacións recibidas, encóntranse dende contidos multimedia en páxinas web, ata programas radiofónicos e televisivos, libros, artigos xornalísticos en prensa, ou diferentes traballos académicos relacionados co periodismo gastronómico. A maior parte das obras presentadas proceden do propio territorio galego, aínda que tamén optan ao premio candidaturas chegadas dende Castela A Mancha, Ceuta, Tenerife, Madrid ou Puerto Rico, entre outros.

Os 33 traballos que optan ao premio xa foron distribuídos para a súa análise entre os membros do xurado, que ten previsto reunirse o vindeiro 6 de febreiro para deliberar o fallo dun dos premios de xornalismo gastronómico máis importantes a nivel estatal. Este tribunal está composto por persoeiros do mundo do xornalismo de recoñecido prestixio, entre os que están os decanos das facultades de comunicación de Galicia, representantes do Colexio de Xornalistas ou un dos gañadores da pasada edición. Os galardoados recollerán os premios no programa Luar do 17 de xaneiro, dedicado á XLIX Feira do Cocido.

Entregarase un primeiro premio de 3.000 euros ao mellor traballo xornalístico presentado entre todas as categorías. Un segundo premio estará dotado con 1.000 euros para o traballo que distinga o xurado tamén entre todas as categorías e outro terceiro será de 1.000 euros para o mellor presentado por estudantes de Xornalismo, Publicidade ou Comunicación Audiovisual de toda a xeografía nacional co fin de potenciar os novos valores da profesión xornalística.