Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O tesouro arqueolóxico de Gresande

Unha roda dun muiño de man castrexa, unha estela funeraria, un petróglifo de cazoletas e unha portada cun arco canopial e un escudo no lintel son algúns dos restos descubertos polo autor en edificacións do Souto

Estela funeraria con inscrición e dúas figuras xeométricas. // P.L.C.

Na procura do noso patrimonio dezao chegamos ao lugar do Souto, xa que coidabamos que o seu emprazamento na aba do castro local podía ofrecer posibilidades de atopar as pegadas dos antigos poboadores destas terras. O castro de Gresande é un dos exemplares máis notables da comarca de Deza, conservando boa parte das súas murallas e terrapléns e mesmo os restos de varias edificacións castrexas, malia ter sido levadas de aquí moitas pedras para outras construcións da parroquia. Do castro hai numerosos estudios feitos por Florentino López Cuevillas -que o considerou un dos exemplares mellor conservados do noroeste e o máis completo da nosa comarca-, Xulio Carballo Arceo, Antonio Presas e nós mesmo témolo incluído en algunhas publicacións. Tamén cómpre subliñar que en tempos recentes foron catalogadas tres mámoas nas proximidades deste lugar, no coñecido coma Campo da Cruz, no lindeiro coas parroquias de Anseán e Barcia.

O Souto ben puido ter a súa orixe nunha villae romana construída cando os romanos obrigaron aos castrexos a abandonar os castros. E sobre a vila galego-romana construiranse ou amplíanse novas edificacións aproveitando moitos dos materiais existentes. O lugar debe o seu nome á abundancia de castiñeiros que, xunto cos bos exemplares de carballo, aínda se conservan diante a invasión do piñeiro e o eucalipto que tamén aquí decote gañan terreo. Das cinco casas que forman a aldea só unha delas fica habitada na actualidade. O Souto é unha mostra desta Galicia interior que se desangra pouco a pouco para quedar sen xentes a mercede do esquecemento e a ruína.

Nun recorrido pola aldea na compaña de Paco López Cuiña -a quen pedín axuda para cachear e facer as fotos- puidemos atopar novas pegadas dos nosos antepasados que se sumaban a outras que eu mesmo anos atrás tiña localizado. A primeira peza ollámola na parede dunha palleira incrustaba entre as pedras que forman o muro: A metade dunha roda de muíño de man castrexa e nos arredores ollamos outro anaco desta ao carón dun lavadoiro.

Estela funeraria e petróglifo

No interior dunha das casas abandonadas observamos con certo pasmo unha estela funeraria que foi reempregada para a construción dunha das ventás. Malia a dificultade que supón a interpretación da súa inscrición con caracteres latinos e das dúas figuras xeométricas finamente decoradas que posúe, coidamos que podería ter certa antiguidade.

Nunha edificación próxima destinada a adega, puidemos ver tamén outra peza singular: unha pequena lousa de xisto con media ducia de cazoletas. A lousiña que contén este petróglifo foi usada para facer unha bufarda e posiblemente fora rachada en varios anacos para esta finalidade.

Por se os achádegos anteriores non foran dabondo, puidemos ollar noutra construción unha fermosa porta medieval de bos perpiaños cunha fermosa labra dun arco canopial con escotadura no lintel e un pequeno escudo do que nestas datas andamos tentando descifrar as armas que contén, xa que presenta un notable desgaste. E, para rematar -polo de agora- cos achádegos nesta singular aldea, noutra das construcións atopamos tamén formando parte dunha bufarda un anaco dunha columna hexagonal de granito que, xunto coas numerosas pedras labradas que aparecen nos muros de diferentes construcións, fannos pensar no antecedente dunha vila romana no lugar.

A aldea do Souto é un museo ao aire libre que mostra as típicas casas labregas dezás coas súas lareiras, fornos, cuartos e outras dependencias; as construcións accesorias coma as eiras cos seus hórreos que se escagallan, pozos e lavadoiros, portalóns, palleiras e pendellos. Malia estar a pé dun primitivo e transitado camiño, por aquí agora non pasa ninguén. Na que fora a taberna de Gumersindo Blanco, noutro tempo chea de xente e de troulas, apodrecen os pipos e as estantarías, e polas fiestras, xa sen madeira nin cristais, óllanse ao lonxe os castros de Montaz e Cortegada, as mámoas da Croa de Siador e a Serra do Candán sempre coma pano de fondo marcando o máis aló das terras de Deza onde os nosos antepasados deixaron numerosas pegadas arqueolóxicas.

Compartir el artículo

stats