Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A capela dos Remedios de Ponte

O inicio do culto a esta advocación mariana data de comezos do século XIX, cando se erixiu un pequeno santuario para albergar aos devotos situado ás aforas de Rosende

Procesión da Virxe dos Remedios ao redor da actual igrexa parroquial de Ponte. // DFA

"En el lugar y coto de Rosende, feligresía de san Miguel de Ponte", o día 26 de decembro do ano 1799, catro veciños (Pedro Criado, da metade de Ponte, e Domingo do Campo, Caetano Fernández e Gabriel Fernández, os tres da parte de Vilar) presentáronse ante o escribán Fructuoso de Pol e Taboada, domiciliado no Foxo de Silleda, para outorgar un dote a unha pequena capela. Así, no documento dotal, estes veciños declararon que "(...) ellos y más vecinos a imitación de sus antepasados siempre han tenido intención de fundar una capilla advocación de Nuestra Señora del Remedio para en ella celebrar el Santo Sacrificio de la misa y otras oraciones respecto a la larga distancia que hay desde este lugar referido a una y otra parroquia (...)", en referencia ás respectivas igrexas parroquiais de Ponte e de Vilar e tamén motivados, probablemente, por circunstancias adversas que asolaron o lugar (malas colleitas por culpa da néboa, inundacións...) debido á proximidade do regueiro de Rosende. O dote da capela consistía en doce ferrados de centeo anuais, para o cal os outorgantes hipotecaron a denominada Chousa do Gandarón, cunha produción de cincuenta ferrados de centeo, con carballos nas marxes e pechada sobre si. Así mesmo, piden ao bispo que "(?) se sirva admitir esta escritura y conceder su licencia y permiso para que se pueda hacer y fabricar dicha capilla en los términos de este motivado lugar y coto (?)", impoñéndose a eles mesmos unha obriga "(?) con sus personas y bienes muebles y raíces presentes y futuras de hacer cierta y segura la dotación que llevan hecho (?)". Ante a falta dun documento no arquivo parroquial que acreditase a renda mencionada e quen a debía asumir, en 1815 o párroco don Francisco Seoane Montero solicita unha copia da acta dotal ao escribán José López Taboada, que ocupaba o posto de Fructuoso Pol Taboada, xa falecido.

A súa construción tivo lugar entre 1800 e 1801 ás aforas do lugar de Rosende, orientando a porta grande cara o suroeste. En agosto de 1801 estivo a piques de ser suspendido o culto por non ser inspeccionada, pero a intercesión de don Pedro Antonio Varela, párroco de Ponte ata 1809, impediu a clausura da mesma: "(...) Y aunque la capilla de Ntra. Señora de los Remedios se debía suspender absolutamente por no haber recibido visita, condescendiendo con los ruegos de este párroco, queda suspensa interín no la visite el de Graba y se cerciore de su decencia interior, como si el cáliz y ornamentos que le presentaron cuando bendijo esta capilla son o no suyos, pues según informes se usó y usa de otros, y para que igualmente tome cuenta y razón de la inversión de algunas caridades con que concurren los fieles, haciendo formar libro de cuenta para lo sucesivo". Trala visita de don Juan López Casariego, párroco de Graba, o 31 de agosto dese ano, o culto continuou con normalidade: "(...) pasé a visitar la Capilla de Ntra. Sa. de los Remedios y hallándola decente en su interior y cerciorando de que el cáliz y ornamentos son propios de la capilla, declaro que se puede celebrar en ella y celebré el Santo Sacrificio de la misa, y mediante hasta ahora no ha habido donativos a favor de dicha capilla, a excepción de cáliz y la corona de la Virgen, no tuve que tomar razón, y en lo sucesivo se formará libro".

O libro de contas ou Libro de las limosnas de la Virgen de los Remedios iniciouno don Pedro Antonio Varela en 1803, sendo clausurado polo párroco don Narciso Rodríguez en 1873, dez anos despois de que se trasladase a liturxia para esta capela. Nas propias palabras deste último, que atendeu a parroquia entre 1846 e 1878, "no se toman más cuentas al mayordomo de la Virgen por no reunir en su poder ninguna limosna, pues la poca que se junta dentro de la parroquia, pues fuera no se pide, la llevan unos cuantos devotos del pueblo de Rosende que se ofrecieron por algunos años costear las funciones de la capilla, que son los Remedios y San Verísimo, dándole para ayuda de dichas funciones las limosnas que se juntasen en todo el año incluso las cajas, que toda ella llega a muy poco para dichas funciones, por cuya razón ninguna cuenta hay que clausurar en este libro".

Nos primeiros anos do culto aos Remedios, hai constancia de ofrendas que facían os devotos e que posteriormente eran poxadas no día da festividade da Virxe. Estas poxas públicas realizaríanse ao aire libre, fóra do templo, que carecía aínda de adro. Isto solucionouse en 1805, cando lle aconsellaron ao párroco a construción dun "atrio a la circunferencia de esta capilla con su puerta cerrada para que no entren los ganados". O muro de dito adro así como a porta serían construídos no ano seguinte. Este muro sería refeito uns cincuenta anos despois, entre 1854 e 1855. Así mesmo, para velar polo coidado da capela, instáuranse dous cargos: o mayordomo ou mordomo, encargado de recoller as limosnas durante todo o ano e o día da festividade da Virxe, así como ocuparse do festexo; e o depositario, encargado de gardar tales limosnas e con elas asumir os gastos da capela. En 1813 ningún veciño ocupou o cargo de mordomo e é neste ano onde aparece a primeira referencia ao músico que amenizaba a festa. Poida que neste solista estea o xermolo da actual Banda de Música de Silleda.

Na década de 1830, a capela recibiu unha doazón de 400 reais por parte dun cóengo de Tui, don Francisco Antonio Piñeiro de Solveira, co fin de levantar a capela maior ou presbiterio deste santuario. Anos máis tarde procedeuse á primeira gran reforma do templo: O canteiro Manuel Gil traballou na construción do presbiterio e no novo alzado das paredes da nave e o carpinteiro José da Riba levou a cabo a cubrición da capela maior, mentres que Manuel Paz foi quen cubriu a nave. En 1843, tivo lugar a misa de nova bendición da capela. En 1844 completouse a obra, embaldosando o interior e construíndo as gradarías do altar. Os gastos de 1846 revélannos que a capela contaba con tres pequenas ventás ou tragaluces, pois foron precisos ese mesmo número de vidros para colocar neles. Ademais, construíuse a tribuna e encargouse en 1848 unha campá a Agustín Taboada. Nesta época instalouse na capela un retablo procedente do Mosteiro de Carboeiro, ademais doutro que se instalou na igrexa de San Miguel, trala desamortización dos bens do convento.

En 1850, dende o Bispado recomendaron que se fixese un rebaixe de terra no costado oeste do atrio da capela, lado no que se levantaría a sancristía, pois a capela atopábase nunha leve pendente e era propensa a inundarse pola porta que tiña nese lateral. Ambas obras realizáronse nos anos seguintes: En 1851 os canteiros Pedro Taboada e Manuel Ribas levantaron as paredes da sancristía e cubriuse no ano seguinte e tamén se levou a cabo o rebaixe de terra. No ano 1853 tivo que levantarse a espadana (mal chamada campanario) pois fora derrubada por unha gran tempestade ese mesmo ano.

Romaría de San Verísimo

Como xa se dixo, na capela tamén se celebraba o culto a San Verísimo, nome castelán co que é coñecido San Breixo nesta parroquia e do que a primeira referencia a atopamos no ano 1859. A este santo estaría dedicada unha gran romaría campestre de recoñecida sona na comarca e que acabou por esmorecer co tempo a mediados do século XX. Porén, quedou como recordo da mesma o nome do lugar onde se celebraba: O Campo do San Verísimo.

Arredor de 1860 tamén se procedeu a embaldosar de novo o presbiterio, traballo que levou a cabo Benito Míguez, veciño de Cortegada. En 1861 tivo lugar a festividade da Virxe o día 15 de setembro, algo excepcional pois esta víñase celebrando (e seguiuno facendo) o segundo domingo do mes, que como moito pode ser o día 14. Entre 1862 e 1863, procedeuse ao embaldosado da nave da capela, realizado por Juan Sánchez, veciño de Vilar. Desde 1863 a capela acolleu tamén as festividades do San Miguel e da Virxe do Carme, patróns da parroquia, e a partir de 1866 as referencias á función do San Verísimo son constantes, o que fai pensar no auxe desta festa.

Para rematar este percorrido pola historia da capela, convén dar un apuntamento final: As terras que a rodeaban deron en coñecerse como o Agro da Capilla, topónimo que aínda hoxe se conserva. Daquela capela xa non queda nada, pois a partir dela construíuse a actual igrexa parroquial, que gardou a mesma orientación que a capela. O novo templo é o que acolle na actualidade a misa na honra á Virxe e son numerosos os devotos que seguen a encher este lugar cada segundo domingo de setembro, continuando cun culto aos Remedios que se remonta 215 anos no tempo e que ocupa un sitio privilexiado na historia de Ponte.

[Nota: Os textos entre comiñas foron extraídos do Arquivo Parroquial de San Miguel de Ponte, consultado polo autor en 2012 e 2013, grazas á xentileza do párroco don Luis Galego García].

Compartir el artículo

stats