Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rosalía de Castro, de Cerdedo (I)

Aínda hoxe hai quen explique o suposto vencello da matriarca das nosas letras con Cavenca e co pazo dos Gosende

Rosalía de Castro. // Luis Sellier

Rosalía de Castro. // Luis Sellier

O pasado 24 de febreiro viu a luz o libro dixital "150 cantares para Rosalía de Castro". O acariñado proxecto do poeta e activista cultural Suso Díaz facíase, por fin, unha gozosa realidade. Rosalía de Castro viría ao mundo o 24 de febreiro de 1837.

Suso Díaz levou a bo termo a difícil tarefa de xunguir á mesma cabezalla o pulo creador dunha ampla mostra da poética galega actual. O seu teimoso entusiasmo e a nobre causa fixeron posíbel a consecución dun poemario polifónico, edificante e necesario.

Sen máis obriga que a de deixármonos guiar polo facho inspirador da nosa precursora, os versos dos 151 poetas convidados arrequecéronse coas ilustracións de 16 artistas plásticos e os prólogos de Ramón Nicolás e Mercedes Queixas Zas. O propio Suso Díaz engade: "Rosalía de Castro é o meirande crisol que posuímos. A súa obra, a súa vida, o seu padecemento, o seu ollar, o seu sentir son a alma enteira de Galicia. Seguir afondando en moitos aspectos dese legado, sumar esforzos e novos proxectos para amplificar esa sinfonía é medrar como pobo, é apontoar a lingua".

"150 cantares para Rosalía de Castro" pode lerse ou descargarse de balde na web da Fundación e Casa Museo de Rosalía de Castro (rosaliadecastro.org). Esta podente sinerxia literaria súmase aos actos de conmemoración do 150 aniversario da publicación de "Cantares gallegos" (Vigo, 1863).

Leo na web da Fundación Rosalía de Castro que a celebérrima poeta "naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 nunha casa do Camiño Novo (hoxe, Rosalía de Castro). Filla de María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía (1804-1862) fidalga vida a menos, e do sacerdote José Martínez Viojo (1798-1871). Bautizada na capela do Grande Hospital Real (hoxe, Hostal dos Reis Católicos). Actúa de madriña María Francisca Martínez, criada da nai. O presbítero consigna na partida: "María Francisca Martínez... fue madrina de una niña que bauticé solemnemente... llamándola María Rosalía Rita, hija de padres incógnitos cuya niña llevó la madrina y va sin número por no haber pasado por la inclusa". Non se pode probar en que fogar -ou fogares- viviu antes de outubro de 1842. Na tradición da familia paterna asegúrase que foi coidada -sen precisar datas- polas tías María Josefa e Teresa Martínez Viojo na parroquia de Ortoño (Ames), na casa onde nacera seu pai, denominada Castro de Ortoño (lugar de Tarroeira)".

Esta lagoa biográfica de cinco anos (1837-1842) abóndanos para outorgarlle verosimilitude a un rumor que, xacando, veñen propagando con oufanía os veciños da aldea de Cavenca, en Cerdedo. Léase, por exemplo: "Cerdedo, un patrimonio cultural olvidado", publicado no xornal Atlántico Diario (2-1-1994).

Malia o despoboamento, aínda hai hoxe quen ofreza cumprida explicación do suposto vencello que a matriarca das nosas letras ten coa dita aldea e, en particular, co pazo dos Gosende.

O pazo de Cavenca, deshabitado e inhabitábel, loce muros apromados de boa cachotaría, patamal, cornixa moldurada e ventás baixo pestanil. A construción divídese, na actualidade, en dúas vivendas de propietarios diferentes, ocupando o conxunto unha superficie duns 288 m2. A sección leste (105 m2) presenta un mellor estado de conservación. A sección oeste (183 m2) atópase, pola contra, nunha situación avanzada de deterioro. Na listaxe patrimonial do PXOM cerdedense (2014) identifícase, sen máis argumentos, como "pazo Cabenca" ou "casa da nai de Rosalía", catalogándose como vivenda tradicional.

A casa grande de Cavenca canda a capela anexa foron edificadas a finais do século XVI por mandado de Xoán de Gosende e Quinteiro, dos Gosende das Raposeiras, casado en segundas nupcias con María de Castro, oriúnda de Compostela. Tras o prematuro falecemento de Xoán de Gosende, María de Castro casa co tamén compostelán André García de Seares. O matrimonio adquirirá as propiedades do pazo de Arretén (Padrón) que, tempo despois, acabarán herdando os avós maternos de Rosalía de Castro.

Estas evidencias, corroboradas polas investigacións de Rodríguez Fraiz ("Los ascendientes del Padre Martín Sarmiento en Cerdedo", Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo XXVII, 1972), outórganlle visos de realidade ao relato popular. As miñas pescudas deron como resultado un mañuzo de hipóteses avaladas pola tradición oral ("Almanaque de encantos", 2005; "O código da vincha", 2012):

a) Mª Tareixa de Castro e Abadía, nai de Rosalía de Castro, naceu no pazo de Cavenca, legado dos Gosende-Castro.

b) Mª Tareixa pasou tempadas, quizais de nena, no pazo de Cavenca, herdade dos seus parentes.

c) O pai de Rosalía, Xosé Martínez Vioxo, crego, misou na capela do lugar, tendo por vivenda o pazo, convertido en casa reitoral.

d) Mª Tareixa de Castro, veciña de Cavenca, foi criada do abade da antiga parroquial, ou criada do que despois sería pai da súa filla.

e) Rosalía de Castro foi enxendrada no lugar de Cavenca.

f) Nai e filla de días procuraron acocho en cas dos Gosende-Castro de Cavenca.

Antonio Rodríguez Fraiz, natural de Tomonde (Cerdedo), pioneiro no misar en galego (Chacarita, 25 de xullo de 1961), empregaría a nosa lingua nas Misas de Rosalía (v.g.: no ano 1970) que, dende 1932, se veñen celebrando o Día da Patria (ou na véspera). Os franquistas daríanlle o nome de "Misa dos ateos".

A maiores, Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, no seu poemario "Voando coas ás da vida" (1969) engarza os seguintes versos: "Soutelo de Montes garda un adeus! de Rosalía, cando pasou por Soutelo, ía chorando a probiña". En xullo do ano 24, Castelao escribe a crónica do concurso de gaitas que, organizado en Compostela, deparoulle a Avelino o triúnfo e a consideración de mellor gaiteiro da Galiza. Así mesmo, o de Rianxo debuxa unha caricatura do músico. No fol da gaita agocha o rostro de Rosalía de Castro.

O antropónimo Gosende provén dun antropotopónimo, é dicir, un nome de lugar formado a partir do nome do seu primitivo posesor ("villa Gaudesindi"). Na actualidade, o concello que presenta a meirande porcentaxe de Gosendes é o de Outes (A Coruña), seguido por Rois (A Coruña) e Cuntis (Pontevedra). En Cerdedo, Gosende é un apelido en vías de extinción.

Na Galiza, existen catorce lugares nomeados Gosende, pertencentes aos concellos da Baña, Brión, Cambre, Carral, Cerceda, A Laracha, Mazaricos, Mesía, Ordes, Ortigueira, Outes, Samos, Compostela e Vilamarín. Gosende é tamén o nome dunha freguesía portuguesa, pertencente ao concello de Castro Daire (Viseu). Calquera destes lugares puido ser a orixe do apelido, cuxa semente enraizou, posteriormente, en Terra de Montes.

A liñaxe nobiliaria dos Gosende remóntase en Cerdedo ao século XV. Xoán de Gosende o Vello, nado en Meilide na segunda metade do século XV, foi capitán dos rexementos das milicias de Montes (1º Capitán Gosende).

Xoán de Gosende o Vello casou con María Rascado, tendo por fillo, entre outros, a Xoán de Gosende e Rascado (Xoán de Gosende o Mozo, primoxénito e 2º Capitán Gosende).

Xoán de Gosende e Rascado, naceu na primeira metade do século XVI. Contraeu matrimonio con María Quinteiro. O matrimonio enxendrou, entre outros, a Alonso de Gosende e Quinteiro e a Xoán de Gosende e Quinteiro.

Alonso de Gosende e Quinteiro (primoxénito, 3º Capitán Gosende e tataravó de Sarmiento) foi o fundador do pazo das Raposeiras.

Na primavera de 1589, Xoán de Gosende e Rascado (2º Capitán Gosende) e o seu fillo Alonso de Gosende e Quinteiro (3º Capitán Gosende), á fronte das milicias aldeás, participan na defensa da vila da Coruña contra as naves corsarias de Isabel I de Inglaterra.

Na Coruña, entre o 4 e o 18 de maio de 1589, os Gosende arrostran a acometida da "English Armada", ao mando de Francis Drake e John Norreys, composta por perto de 200 naves e uns 28.000 homes. Naquela contenda tamén sobrancearía a destemida coruñesa María Pita.

Domingo González Lopo ("Las cofradías en la formación religiosa y el control festivo en las parroquias de Galicia y el norte de Portugal en época moderna", 2013) cualifica o episodio bélico como "el Lepanto gallego" e engade: "La victoria sobre las huestes de Drake se atribuyó a la protección ejercida por la Virgen del Rosario". González Lopo, citando o Padre Sarmento (1745), lembra que os vitoriosos Gosende trouxeron da Coruña unha imaxe da Virxe do Rosario que colocaron nunha capela da parroquial de Cerdedo.

Xoán de Gosende e Quinteiro, de profesión escribán, casou en segundas nupcias con María de Castro, devanceira de Rosalía de Castro. Xoán de Gosende, a finais do século XVI, fundara o pazo e capela de Cavenca. O pobo considera (Bouza Brei, 1979) que o templo data do século VII, de cando Cavenca ostentaba a condición de cabeza de parroquia (San Salvador de Caviancos).

Continuará...

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats