Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Cerdedo ao ceo (III)

Capitán Gosende remata o seu inventario coñecendo os cemiterios de Pedre, Folgoso e do propio casco urbano

No camposanto de Pedre escenifícase a convivencia harmónica entre vivos e mortos.

Principiamos a xornada do 29 de decembro, luns, visitando o cemiterio de Santo Estevo de Pedre. A igrexa actual, dos séculos XVII e XIX, oriéntase a poñente. Por riba da porta grande, nunha fornela, gorécese a imaxe do padroeiro. Espadana de tres vans onde se aloxan dúas campás.

O edificio, duns 20 m de lonxitude, dótase de dous reloxos: un analóxico (coa maquinaria en perfecto estado, malia que non arrastre as agullas) e outro de sol (o máis fiábel). Na parede de cara ao sur, cegouse unha porta lateral arcada que, en tempos, emprestou servizo mentres se reforzaba a cabeceira. Dende aquelas, unha estrutura en arco libera de peso o lintel da porta grande. Ao norte, pechando o recinto, sitúase a casa reitoral.

Decidimos ingresar no adro empregando a cancela leste (ao adro tamén se accede polo norte). De primeiras, a man esquerda, observamos un panteón en cuxo frontón se labrou o ano 1915. A seguir, na terra, batemos cun epitafio en lingua portuguesa: "Rosa Garrido Rivas (1914-2000). Laudosa lembrança de sua filha, netos e bisnetos". Compleméntase cunha cartela de porcelana na que se le un epitafio de inspiración shakespeariana: "Ver-te é fácil para quem tem memória. Esquecer-te é difícil para quem tem coração". A man dereita, achamos a sepultura dunha moza, estudante de arte dramática. Acompáñana os versos de Benedetti: "No te alegres demasiado. De todos modos no cedas. Alégrate cuando puedas y si la euforia te avisa, no desperdicies la risa...".

O adro atéigase de lápidas e panteóns subterráneos, cinguindo o templo polo sur e polo leste. O máis suxestivo para o visitante é a contigüidade do camposanto e as vivendas, a perfecta harmonía entre o espazo dos vivos e o dos mortos. Unha das casas abre portas e ventás cara ao cemiterio. Para acceder á esta vivenda polo norte, cómpre atravesar o chan sagrado. Entre a escaleira retorta, de 12 banzos, que conduce á porta superior e o oco da porta inferior, érguense tres estelas de notábeis proporcións. Na contrapegada da soleira da porta inferior fixáronse dúas lápidas. É inevitábel pór o pé enriba das sepulturas. Hai quen non daría conciliado o sono, non obstante, coido imposíbel achar veciños máis silandeiros.

Seguindo pola banda esquerda, atopamos unha estela idéntica á vista no cemiterio de Folgoso (obra do mesmo canteiro). Tres anxos teñen conta dun tondo cordado. Neste caso, o tondo conserva unha lápida de mármore branco coa seguinte inscrición: "A la memoria de Francisca Iglesias. Falleció el 24 de febrero de 1889 a la edad de 35 años. D.E.P.". Baixo a escena anxelical, dúas Marías axeonlladas oran face ao Santo Sepulcro. Ao pé da dita estela, áchase a lápida dun meniño.

No cabo do cemiterio, atopamos tres parceliñas choídas con perpiaño e cancela. Na primeira, sitúanse tres panteóns de nichos, un con capela. Nas seguintes, panteóns subterráneos.

No lousado de ao pé da porta grande, observamos dúas lápidas de mármore coas inscricións luídas polo tránsito de fieis. Outra, un chisco á esquerda. Caveiras e tibias, rosáceas hexapétalas e cordóns. O muro que acouta o recinto polo norte e leste presenta, pola cara interior, un sentadoiro corrido.

Volvemos atopar o acrónimo D.O.M. Deo optimo maximo (canda R.I.P. Requiescat in pace) na tumba do presbítero Valentín Garrido de Serrapio (€1879).

Acode ao noso encontro o cura D. Casimiro, reitor do Santo Estevo, home sabio e amábel. Explícanos D. Casimiro que cada tres lousas forman unha sepultura ("as tres pedras"). Na peza do medio, ábrese un buraco para erguer a lousa. Algunhas daquelas pedras aínda conservan a numeración distintiva de propiedade ("22", "60"...). Antano, os mortos recibían sepultura no interior do templo. Enterrarse dentro non era de balde. Os que se soterraban no presbiterio pagaban un prezo, os que se soterraban abaixo, outro.

Na parede posterior do templo, pendúranse tres cruces misionais de madeira policromada. Na da esquerda, represéntanse a Saba Santa e os tres cravos. Na do centro (unha peza extraordinaria de carpintaría), os Arma Christi: tres cravos, dúas escadas, lanza, vara coa esponxa, tenaces, martelo, coroa de espiñas, Sagrado Corazón e o Santo Graal (Padres Redentoristas, 20 de outubro de 1946). Na da dereita, o mesmo motivo simplificado: Sagrado Corazón, vara coa esponxa e lanza de Lonxinos.

Despedímonos de don Casimiro, agradecéndolle, coma sempre, a súa atenta colaboración e dirixímonos ao cemiterio de San Xoán de Cerdedo.

A necrópole cerdedense data dos anos corenta. Na década anterior, o espazo que hoxe ocupan tumbas e panteóns destinábase a campo da feira, iniciativa do crego García Leiro (en troco, o Concello debía aboarlle á Igrexa 100 pesetas anuais en concepto de alugueiro).

O cemiterio de Cerdedo esténdese ao sur da igrexa parroquial de San Xoán Bautista. O templo actual data do século XVIII, froito das obras de ampliación promovidas en 1779 polo reitor Ramón Vicente Moas e Barreiro. O edificio, duns 36 m de lonxitude, sostén dous campanarios orientados cara a poñente. No medio das torres (como di a cantiga popular), érguese a efixie de san Xoán. Estrema polo norte coa casa reitoral, dependencias coas que, denantes, comunicaba a través dun pasadoiro elevado.

No empedrado que antecede a porta grande aínda son visíbeis algunhas inscricións riscadas nas tampas de vellas e abandonadas sepulturas. Ocupando o centro do adro, sobrancea un cruceiro de fuste helicoidal da autoría de Antonio Ferreiro (1900). A semellanza do de Quireza, na basa do fuste graváronse os instrumentos da Paixón. Acaroado á parede dereita do templo, aconchégase un sartego. Na parede que dá contra a praza, séguese, 79 anos despois, enxalzando a memoria do fascismo.

Accedemos ao cemiterio por unha escalinata de pasos descansados. Deixamos á dereita a construción coñecida pola "casa da obra", onde en tempos se practicaban as autopsias. Renxen os gonzos do portal de ferro forxado. O espazo divídese en dous recintos, comunicados por unha calella. O primeiro dos recintos, o primixenio, presenta unha liña continua de panteóns perimetrais divididos en nichos. Nos nichos da parede norte, dúas lápidas de pedra adobíanse coa rosácea hexapétala.

Pola banda da esquerda, altérnanse os espazos dedicados a tumbas terreñas e os bloques de panteóns (dous bloques mais o mausoleo dos Peleteiro, exento, no centro). Na terra, a segunda lápida da liña inferior (sen inscrición) garda os despoxos do músico Francisco Cerdeira, director dunha das bandas de Cerdedo.

O maxestoso panteón dos Peleteiro, ou das Capitanas, obra do escultor Ignacio Cerviño, acolle, entre outros, os restos de dous personaxes homónimos. Na sepultura de riba, Ysidro Peleteiro (€3-11-1894); na de baixo, Isidro Peleteiro Cerdeira (€8-10-2012). O moimento coróase cun baldaquino que abeira un san Isidro. No cimo, pousa unha Fe (cega).

Pola banda da dereita, dous bloques de nichos. No centro do recinto, localízase o panteón de párrocos (subterráneo) que se fai acompañar dun cruceiro. Na cara anterior e posterior do pedestal do cruceiro, fixáronse dúas placas de pedra nas que se labraron senllos epitafios da autoría de Xosé Fontenla Porto (o cura vello). Na placa anterior, lese: "Tiende, Señor, tus brazos yertos sobre las tumbas de nuestros muertos, que el postrer día estos sus cuerpos, al alma unidos, suban al cielo". Na posterior, en lingua galega: "Estes teus brazos sexan pra nós azos de gloria, cruz de perdón; reine pra sempre o teu amor".

Nos frontais dalgúns panteóns talláronse as datas de construción: 1946, 1947, 1948, 1950, 1958, 1960, 1966... No cabo do primeiro recinto, o panteón datado en 1946 é propiedade da miña familia e alí repousan, entre outros, os restos mortais dos meus bisavós e dos meus avós.

Nos nichos da parede sur, atopamos inscricións en lingua galega. A placa "Propiedade de Manuel Solla e dona" precede as sepulturas de meu pai, Manuel Solla, e da miña tía avoa Isolina Camiña. A seguir, outro epitafio en galego: "Cinzas da súa avoa Cándida Troitiño Varela (€1955), José Manuel Raposo Sanmartín (€2011). Rdo. da túa nai, irmáns e sobriños".

O segundo dos recintos, de recente construción, tamén presenta unha liña continua de panteóns perimétricos divididos en nichos que, pinga a pinga, se van enchendo.

Noutronte, díxome un veciño retranqueiro que de Cerdedo se ía para o ceo porque xa estabamos no purgatorio. Non me tiren da lingua. E falando de linguas, dos centos de tumbas visitadas, só en dezaseis (o epitafio en portugués inclusive), empregouse a nosa para honrar os defuntos. Dedúcese, pois, que Deus non entende o galego. Sic transit gloria mundi.

Compartir el artículo

stats